Volve Faiponting, actividades lúdicas e culturais para toda a familia no Pazo e a Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño
Tralo éxito de anteriores edicións, chega unha nova entrega de Faiponting. Trátase dun proxecto lúdico que busca vincular o Pazo da Cultura e a Illa das Esculturas, dándoos a coñecer á cidadanía e achegando a cultura a todo este espazo aberto, "para que sexan cada vez máis utilizados", destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Esta nova edición, que contará con máis actividades que o pasado ano, celebrarase o próximo domingo 5 de outubro.
Anxos Riveiro destacou que o goberno municipal está "moi orgulloso" desta iniciativa, porque sinalou que a pesar do orzamento limitado se conseguen programar numerosas actividades, todas elas de carácter familiar e abertas a todos os públicos. Este ano, entre as 11.30 e as 20.00 horas, non faltarán obradoiros familiares, música, danza, diferentes 'performances', unha ópera para cans ou unha exhibición de voo sincronizado de cometas.
As actividades comezarán cunha visita guiada á exposición Diálogos na pintura, a cargo do seu comisario, Ramón Rozas. Será ás 11.30 horas e haberá un segundo acto ás 17.00 horas. Outra das propostas que contará cunha guía será un roteiro en bici pola Illa das Esculturas, ás 12.00 e 17.30 horas. Iciar Ezquieta será a coordinadora desta visita que busca xuntar deporte e cultura, dúas áreas moi vinculadas con todo este espazo.
En colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático de Galicia realizaranse catro intervencións en diferentes espazos da Illa das Esculturas; e ex compoñentes do Centro Coreográfico Galego levarán a cabo dúas quendas do espectáculo Voltas xeométricas (sala de exposicións do Pazo, 12.00 e 17.30 horas) e unha de Impro-danza (Illa das Esculturas, 19.00 horas), acompañando aos visitantes no seu percorrido.
Ademais, a escola de danza Deborah protagonizará dúas sesións de ¡Música, chicos! (3 minutos), Cantando baixo a chuvia (4 minutos) e Grease (3 minutos) na pasarela peonil ás 12:30 e 18:00 horas, con alumnado de 8 a 11 anos. Participarán tamén no concerto da Orquestra de Cámara de Lira, ás 17:00 horas, que será na arboreda da Illa. Serán pezas de Vivaldi e Tchaikovsky da man da orquestra e interpretadas polo corpo de baile.
Para os máis novos, programáronse especialmente un obradoiro de construción e voo de papaventos (11.30 horas), un obradoiro de baile (13.00 horas) e un concerto relacionado con este (18.30 horas), xogos populares espallados por toda a Illa (de 17.00 a 20.00 horas) ou un obradoiro de pintado de pedras (17.00 horas). E a compañía O retrete de Dorian Grey, realizará catro pases do seu espectáculo de manipulación de globos Ne me quitte pas.
Haberá tamén, igual que o ano pasado, actividades para mascotas. Desta volta será unha ópera para cans, a cargo de Victoria Álvarez Acón (soprano) e Miguel Abalo (barítono), que soará ás 17:30 e 19:00 horas. Entre ambos, ás 18.00 horas, o alumnado do Garaxe Hermético de Kiko Da Silva, repetirá a actividade que tan boa acollida tivera na pasada edición, debuxando ás mascotas e donos en tiras de banda deseñada.
Unha exhibición e coreografías de voo acrobático de papaventos ao son da música, que se realizará durante todo o día, e un concerto do grupo Gold & Colt (19.00 horas), no que presentarán o seu novo traballo de folk americano e blues, porán fin ás actividades desta terceira edición de Faiponting, que contará ademais cun mercado de arte no que, aqueles que o soliciten, poderán vender as súas obras a un prezo consensuado nas bases de participación.
Relacionadas:
-
O Faiponting converte á Illa das Esculturas no Parque da Familia
Por Oskar Viéitez |
-
'En clave de outono', a Banda de Música de Pontevedra retoma os concertos baixo teito
Por Alejandro Espiño |
-
Mozart, o Quebranoces e dous contos clásicos, propostas da quinta edición de Concertos en Familia
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten 'fame' de cultura: máis de 150.000 espectadores en nove meses de programación
Por Alejandro Espiño |
-
A Illa das Esculturas rexistra un abarrotamento de público co "Faiponting"
Por Redacción |