Un documental sobre as primeiras 'chinesas españolas' proxectarase o sábado no Teatro Principal
Por Redacción
O Teatro Principal acolle este sábado 13 de setembro, a partir das 18.00 horas, a proxección do documental Generación Mei Ming, miradas desde la adolescencia de David Gómez Rollán. Esta proxección está promovida por Manaia, asociación galega de axuda á adopción, que está incluída dentro do programa Hedra da Casazul.
A implantación da lei do fillo único en China provocou o cambio na planificación familiar de millóns de persoas e tivo como consecuencia, entre outras, o abandono de nenas e, en menor medida, nenos. En España coñeceuse aquel drama a través do documental As habitacións da morte, presentado por Documentos TV, onde se retrataba a situación na que vivían os menores abandonados en orfanatos do país asiático a principios dos 90.
Trala emisión daquel documental espertouse en España o interese pola adopción de menores chineses, o que propiciou o boom de adopcións españolas no país asiático nos últimos anos do século XX e primeiros do XXI.
Hoxe aquelas primeiras nenas están atravesando a adolescencia, unha etapa crave e complexa, chea de interrogantes sobre as súas orixes, a súa adopción e a súa identidade.
En Generación Mei Ming: miradas desde la adolescencia recóllese a historia de seis desas mozas procedentes de China que actualmente teñen idades comprendidas entre os doce e os dezasete anos e viven en diferentes puntos de España.
As mozas e os seus pais reflexionan sobre a súa adopción, a integración, a diferenza, a identidade, o sentirse de ningún lugar, o por que da súa adopción e o seu abandono, a súa familia biolóxica e o seu país de orixe. O documental mostra a corazón aberto os sentimentos dos seus protagonistas, ensinando un pedazo da vida logo da adopción.