O Náutico do Grove despide o verán con Coque Malla, Sés, Full ou Novedades Carminha
Por Alejandro Espiño
Agosto, o mes tradicionalmente máis musical no Náutico de San Vicente do Mar, chegou á súa fin. Pero iso non implica que os concertos rematasen. A coñecida sala do Grove programou numerosas actuacións para este mes de setembro, no que pasarán polo seu escenario bandas e artistas moi coñecidos do panorama musical galego e nacional como Coque Malla, Sés, Novedades Carminha ou Full.
O jazz de Coraline Yap Chine Quartet soará este xoves 4. ÿ o último dos concertos do ciclo 'Pequenos grandes momentos', organizado por Club 1906 e que foi suspendido en Sanxenxo. Será en horario vespertino, ás 19.30 horas. Ao día seguinte ás 01.00 horas, será a quenda de Green River Band, un grupo madrileño de rock formado por músicos arxentinos e españois que homenaxea a Credence Clearwater Revival de John Fogerty.
Coque Malla actuará no Náutico o sábado día 6. Será cunha actuación acústica e a piano, a partir das 20.00 horas. Será un dos últimos concertos en España do músico madrileño, que a principios deste ano anunciou a súa intención de tomar unha tempada de descanso afastado da música. El mesmo promete, segundo publicou no seu Facebook, que será "a experiencia máis musical que tivemos xamais nese lugar".
O venres 19, pola súa banda, debutará na sala Sés, o alter ego da coruñesa María Xosé Silvar. Inmersa na xira de presentación do seu segundo disco, Co xenio destrozado, a cantautora tratará de repetir o éxito logrado recentemente en Pontevedra. Actuará a partir das 01.00 horas, igual que fará ao día seguinte a banda Cromática Pistona, que aposta por ser unha orquestra popular de swing-jazz cun toque humorístico e festivo.
O broche de ouro a este 'final de verán' poñerano Novedades Carminha (sábado 27 de setembro), banda galega de garaxe punk, que acode á sala do Grove para presentar o seu novo disco de estudo, Juventud infinita; e Full (sábado 4 de outubro), un grupo indie sevillano que acaba de reeditar, da man de Esmerarte, o seu primeiro disco, titulado Mi primer atraco. Ambos os dous concertos comezarán á unha da madrugada.
Relacionadas:
-
Así se vivirá agosto no Náutico do Grove: 45 concertos en 29 días
Por Redacción |
-
Marlango, aperitivo dun agosto con Sidonie, Delafé, Albert Pla ou Ariel Rot no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño |
-
DuMMie, banda que fusiona jazz e pop: "O noso disco ten alma galega. Foi aí donde se creou"
Por Alejandro Espiño |
-
La Habitación Roja, encabeza un festival que fusionará música e catas de viño no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño |