Fútbol, tormentas e paradores no novo número da revista Cedofeita
Por Redacción
A revista Cedofeita presentou un novo número o 16 con 64 páxinas na Galería Sargadelos coa presenza dalgúns colaboradores como o historiador Serafín Fontenla, os membros da asociación Xosé Luis Estévez Solla e Xosé Álvarez así como o gaiteiro e pintor lerezán Álvaro Novegil que ofreceu algunhas pezas musicais.
Este número contén un amplo abano de temas referidos aos distintos campos do mundo da cultura. Xaime Iglesias escribe unha crónica sobre os cen anos de fútbol en Lérez a partires da exposición celebrada pola asociación no verán deste ano. O Lérez tivo un papel fundamental na formación dos equipos pioneiros como na creación dos campos de xogo nas xunqueiras e no Pasarón. O mesmo autor fai unha serie de reflexións sobre a fala galega nun artigo que titula En galego sen complexos.
A arquitectura popular tamén ten o seu lugar no artigo de Xosé Álvarez As imaxes dos cruceiros de Lérez que nos introduce no significado e simbolismo das representacións que aparecen nos cruceiros de Lérez introducindo a todas aquelas persoas interesadas no sempre apaixonante mundo da iconografía.
Entre outras informacións e comentarios, a escritora Fina Casalderrey ofrece cun poema comentado, titulado A Gata e Benigno García achega aos lectores a un suceso que marcou a memoria dos pontevedreses: Aquela tormenta do 15 de setembro; de xeito rigoroso e documentado estuda a tormenta máis forte da que se ten noticia e que como dicía algún xornal "desde una acera era imposible ver la de enfrente". Tamén analiza as consecuencias e as fotografías lembran os danos que causou.
O actual parador de turismo pontevedrés amósanos a súa historia nun artigo de Alfonso Mumary sobre a Casa do Barón, a súa arquitectura e historia sen faltar as referencias sobre a heráldica dos linaxes das familias que nela viviron. O mundo do galeguismo de postguerra arredor da figura de Ramón Piñeiro e o grupo Galaxia trátase nun exhaustivo artigo de José Raposeiras.