O enérxico directo de Maga abrirá a oferta musical de decembro en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A oferta musical de Pontevedra para o mes de decembro comeza ao grande. A Sala Karma vestirá as súas mellores galas para recibir, este sábado 1 de decembro, a Maga, un dos grupos fundamentais do pop en castelán. ÿ unha das tres citas deste quinteto andaluz co público galego. Ademais de Pontevedra, presentarán o seu disco Satie contra Godzilla en A Coruña e Santiago de Compostela.
Trátase dun concerto que se enmarca na nova andaina de Maga, na que o grupo pretende establecer un contacto directo co público, xirando por salas de pequeno formato, o marco idóneo para pór en escena Satie contra Godzilla, un dos discos máis inmediatos e enérxicos de toda a súa discografía.
O grupo sevillano chega a Pontevedra logo de estrear hai ben pouco o segundo single do seu último disco, a canción Hagamos cuentas, cun videoclip gravado en directo para a serie Happy Place Sessions, que retrata á perfección o concepto de xira que comezaron en Andalucía o pasado mes de outubro.
Maga é unha das referencias fundamentais da escena indie no noso país. Logo de publicar dous epés e cinco discos, os sevillanos continuán no seu afán de buscar a esencia do pop: o directo. O seu último traballo, Satie contra Gozilla, foi gravado nos estudos Ultramarinos xunto a Santi García e coa co-produción de Ramón Rodríguez (The New Raemon) e supón un avance máis na súa carreira paralelo ao cambio estilístico iniciado con A la hora del sol.
Maga tamén forma parte de varios proxectos paralelos: Javier Veiga (baixo) e Pablo Cabra (batería) son, xunto a Jordi Gil (produtor de A la hora del sol), a formación en directo de Sr. Chinarro. Xuntos, formaron parte do proxecto máis orgánico de Tote King, cando se decidiu a ir acompañado de músicos para dar máis calidez aos seus concertos. Miguel Rivera (cantante) forma parte ao baixo de All La Glory e Pablo Cabra é o batería de Oh! Sister, un grupo de jazz apaixonado da música norteamericana dos anos vinte.
Con motivo da súa xira galega, Maga puxo en marcha un curioso concurso a través da súa páxina de Facebook. Queres conseguir unha entrada para un dos seus concertos en Galicia? A resposta máis orixinal e máis votada á pregunta Que sería capaz de facer Maga por unha botella de licor café caseiro? gañará unha invitación para velos en directo.
As entradas para asistir ao seu concerto na Sala Karma, que teñen un prezo de doce euros, pódense adquirir nos puntos de venda habituais, Rei Zentolo Pontevedra, Pequeno Karma e www.ticketea.com.