La Catedral Sumergida amosará o seu potente pop alternativo en Vilagarcía de Arousa
Por Alejandro Espiño
O grupo de música La Catedral Sumergida estréase en Galicia. A Sala Samá Samá de Vilagarcía de Arousa será o escenario, o venres 7 de decembro, do primeiro concerto en terras galegas deste proxecto musical, creado en 2010 cando o produtor sevillano Jordi Gil reuniu a un grupo de músicos da súa contorna para gravar unha serie de cancións compostas por oC.
Desa fusión naceu o EP Demasiado humano, gravado nos Estudos Sputnik coa participación dos actuais compoñentes e un trío de cordas. "Nuestro primer trabajo discográfico reúne cinco canciones grabadas a partir de maquetas y partituras y sin que se hubiera creado previamente un grupo estable", explican desde o grupo.
Satisfeitos polo resultado obtido, decidiron plantexar unha versión de directo, preparando novos temas e xestando así o son que caracteriza ao grupo, de gran complexidade tímbrica. ÿ a principios de 2012 cando La Catedral Sumergida estrea o seu primeiro repertorio de cancións e comezan a preparar novo material. O son máis "acústico" do disco vese enriquecido por sons sintéticos e a potencia do directo.
Actualmente están preparando a gravación do que será o seu segundo traballo en estudo, que se espera vexa a luz a principios de 2013. A banda gravou os temas "en vivo", é dicir, tocando todos simultaneamente. Xa está soando un primeiro adianto, que se chama Budista.
A dilatada experiencia profesional e a formación dos integrantes de La Catedral Sumergida supón un selo de identidade que diferencia ao grupo, especialmente á hora de afrontar riscos e complexidades na sonoridade. Entre eles, Jordi Gil, que traballou para artistas como Sr. Chinarro, que achega a súa longa experiencia en producción e interpretación, e a versátil voz de Adolfo Langa.
Este grupo sevillano complétase con Joaquín Calderón, un artista polifacético onde os haxa, que se fai cargo do violín e a guitarra; Rafa Torres, capaz de dotar ao baixo eléctrico da pegada do rock e o melodismo de contrabaixo; Ara G. Louro, que consegue no piano un son coidado e de gran complexidade; e oC, que se encarga dos sintes e de gran parte das composicións, completando a fusión estilística.
E unha última curiosidade sobre eles. De onde provén o seu nome? Pois do Preludio para piano Nº 10 de Claude Debussy, unha belísima peza descritiva do impresionismo francés. Esta fai referencia á lenda bretona da cidade de Ys, que se construíu por baixo do nivel do mar. A lenda conta que a cidade quedou asolagada por unha imprudencia, pero que aínda se poden escoitar as campás da súa catedral cando baixa a marea, movéndose ao compás das ondas.
O concerto de La Catedral Sumergida en Vilagarcía de Arousa comezará ás 22:00 horas e as súas entradas teñen un prezo de tres euros.