A Ferrería námorase da alma e a voz 'rhythm & blues' de Robin McKelle
O son de Memphis, centro de peregrinación para calquera fan do soul, o blues ou o rhythm & blues, visitou este xoves Pontevedra. Fíxoo da man de Robin McKelle, un dos atractivos do Festival Internacional de Jazz e Blues deste ano. Coa súa voz profunda, franca e directa, a neoyorquina namorou ao público que encheu a Praza da Ferrería para gozar dun explosivo directo que fixo as delicias dos amantes da boa música.
"Cando busco inspiración para un blues ou algo especialmente potente, fíxome totalmente en cantantes como Otis Redding, James Brown ou Sam Moore", recoñecía Robin McKelle antes do concerto. Pero ademais de notarse a influencia dos grandes cantantes masculinos de soul, tamén se aprecia o seu gusto polas divas dos anos 60 e as voces tan persoais de Janis Joplin, Aretha Franklin ou Tina Turner, artista pola que asegura sentir unha especial predilección.
Apoiada na súa banda de confianza The Flytones, a artista centrou gran parte do seu concerto no seu último disco, Heart of Memphis, toda unha declaración de amor polas raíces do soul e do blues estadounidense, pero sen caer na fácil trampa do revival, deixando patente a súa sinceridade musical e a súa valentía como artista que acepta novos retos e proba sorte sen acomodarse no prestixio conseguido anteriormente.
O concerto de Robin McKelle dá paso á penúltima cita con este Festival de Jazz. Eric Bibb, un guitarrista cuxa música está fortemente enraizada no blues clásico estadounidense, será o encargado de actuar este venres na Ferrería, a partir das 22.30 horas.
Moi próximo ás "cancións de traballo" dos pioneiros deste estilo musical, logrou introducir na súa música un toque folk, gospel e country que marabillou a crítica especializada. O seu último disco, Jericho Road, é unha boa mostra de todo isto e déixanos ver unha voz fermosa e o seu virtuosismo á guitarra, que amosará, a bo seguro, no seu concerto en Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Festival de Jazz tira da canteira: Xan Campos pon o broche de ouro
Por Diego Torrado |
-
Eric Bibb deixa paso ao jazz galego na última xornada do Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Redacción |
-
O ritmo de Richard Bona fai vibrar ao público da Ferrería
Por Redacción |
-
A big band Marcos Pin Factor E-Reset dá paso ao jazz na Ferrería con el multiinstrumentista Richard Bona
Por Redacción |
-
O pontevedrés Gabriel Peso abre o ciclo de concertos do Festival Internacional de Jazz
Por Redacción |