Alertan do risco de perda de fondos do Museo ao terse eliminado "todo atisbo de independencia"
Por Alejandro Espiño
Velar pola protección patrimonial e a difusión cultural dos fondos do Museo. Con este obxectivo fundamental nace a asociación Amigos do Museo de Pontevedra, que esixen que a institución volva ser un "servizo público" e un dereito "de todos os cidadáns" e que deixe de ser propiedade exclusiva da Deputación e xestionarse sobre a base de "criterios políticos", segundo sinalou o voceiro deste colectivo, Ernesto Vázquez-Rey.
"Non buscamos ningún tipo de confrontación coa Deputación ou coas entidades vinculadas ao Museo", avanzou Ernesto Vázquez-Rey. Pero os seus membros, todos eles licenciados en Arte, Historia ou Administracións Públicas, critican que se eliminase "todo indicio de independencia" sobre as actividades, os fondos e o presuposto desta histórica institución cultural, ao terse integrado na Deputación de Pontevedra hai case dous anos.
Isto provoca, entre outras cousas, que haxa "fondos de primeira e de segunda" e que sexa persoal laboral da Deputación "o que decide o que se pode consultar ou non". Así, segundo Vázquez-Rey, tense "escondido" a primeira edición dos gravados denominados Los Caprichos de Goya. Ou que para consultar os planos cartográficos e pergameos do edificio Fernández López, "os leven pola rúa, mesmo en inverno e chovendo, ata o Arquivo Provincial"
Estas disfuncións, cualificadas pola asociación como "aberrantes", son as que pretende frear este colectivo que demandará á Deputación unha maior transparencia na xestión do Museo. Ademais, anuncian que farán un seguimento da concesión da cafetaría no edificio Sarmiento, porque "dubidamos que sexa legal", ao tratarse dun inmoble catalogado como Ben de Interese Cultural "e non hai licenza solicitada en Patrimonio".
RISCO DE PERDA DE FONDOS
Ante esta situación, Ernesto Vázquez-Rey alertou sobre a posibilidade de que familias ou fundacións que teñen cedidas obras ao Museo de Pontevedra opten por retiralas de alí. "Cando u consideren poden retirar eses fondos", sinalou o voceiro desta asociación, que puxo o exemplo da familia Baltar, que ostenta o legado de parte das obras de Castelao e que accedeu cedelas ao Museo "sempre que mantivese a súa figura xurídica".
Como isto, recorda Amigos do Museo, xa non se cumpre tras a súa integración na Deputación de Pontevedra ábrese a porta á retirada destes fondos. "Ás familias non están contentas", reitera Vázquez-Rey, que desvelou que a Cidade da Cultura está precisamente ultimando unha taxación sobre o legado da familia Baltar, suxerindo un posible interese en acoller esta colección no Gaiás.
Ademais, a isto súmase, destacan dende a asociación, outros colectivos ou persoas individuais como o escritor Sabino Torres "que quería ceder a súa biblioteca ao Museo e non o fixo" tras os cambios na institución, "algo que el mesmo recoñeceu publicamente nunha entrevista".
Amigos do Museo de Pontevedra asegura contar co apoio expreso de gran parte dos expatróns e depositarios do Museo. "Nos transmiten que están de acordo con que se faga algo así", explicou o voceiro deste colectivo, xa que recorda que a súa presenza no antigo Padroado da institución "non tiña independencia nin criterio efectivo", porque só se contaba con eles de modo consultivo.
Relacionadas:
-
O BNG devolve a Carlos Valle a máxima dirección do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
A Asociación de Amigos do Museo denuncia a falta de licenzas do restaurante do Sexto Edificio
Por Elsa Juliá Sánchez & Mónica Patxot |
-
Ana Isabel Vázquez nega a politización do Museo: "Recibimos más donaciones y depósitos que nunca"
Por Alejandro Espiño |
-
O restaurante do Museo levará o nome de 'Miliarium'
Por Diego Espiño |
-
As deficiencias dos edificios principais do Museo, a punto de corrixirse
Por Redacción |
-
Denuncian "escurantismo" e "sospeitas de desaparicións ou destrozos" nos fondos do Museo
Por Redacción |
-
Lores non asiste á inauguración do Museo pola supresión do seu Padroado
Por Alejandro Espiño |