A galería Sargadelos acolle a mostra 'Dar forma ao esquecido'
Por Redacción
A exposición 'Dar forma ao esquecido' chega á Galería Sargadelos de Pontevedra dende este xoves 17 ata o 31 de xullo con 20 pezas dunha ducia de artistas, formados na Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) e na Facultade de Belas Artes.
Esta mostra parte dun proxecto de investigación que rastrexa a utilización de formas tradicionais nas producións de deseño contemporáneo en Galicia, a través da observación de diferentes casos de estudo, especialmente no ámbito da moda, tanto na construción de pezas como no desenvolvemento de propostas gráficas aplicadas.
A directora de Esdemga, Lola Dopico, comisaria da mostra, explica que é unha volta á orixe, en busca da esencia e por ese motivo puxeron en marcha un workshop, que pretende funcionar como un laboratorio creativo para traballar a partir de formas que afonden as súas raíces a tradición, en declaracións que recolle o Diario de la Universidade de Vigo (DUVI).
A mostra ofrece, entre outros, traballos de Sheila Pazos e Julia Soutullo nos que recollen os elementos tradicionais de Sargadelos, a fotografía antropolóxica de Carlota Pérez e Noemí López e as obras sobre San Antón e San Martiño de Laura García e Eduardo Outeiro.