DuMMie, banda que fusiona jazz e pop: "O noso disco ten alma galega. Foi aí donde se creou"
Por Alejandro Espiño
Hai tres anos, Alejandro Serrano (vocalista e trompetista de No Reply) ensinoulle a Goiko Martínez unha canción que escribira a piano. Ambos os dous souberon ao instante que estaban diante de algo especial. Foi o punto de partida de DuMMie, unha banda madrileña que apostou por buscar camiños fronteirizos entre a sonoridade, a beleza e a harmonía do jazz e as letras e melodías máis novidosas do pop.
Un jardinero en la Antártida é o seu primeiro disco, un traballo que a banda gravou durante o pasado inverno no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove). Foi un lugar grazas ao cal, explica Alejandro Serrano, "conseguimos un son moi especial, non hai outro igual". A el volverán este sábado 12 de xullo (00.00 horas). ÿ unha das paradas dunha xira galega coa que visitan tamén A Coruña, San Sadurniño e a Sala Aturuxo de Bueu (domingo 13 de xullo, 21.30 horas).
Como unha banda madrileña como vós remata gravando o seu primeiro disco no Náutico de San Vicente do Mar?
Dende logo ten historia. Eu xa traballara moito en Galicia con bandas anteriores e grazas a un amigo empecei a pasar cada vez máis tempo en Bueu. Estaba alí case dous meses ao ano. E o Náutico coñecíao porque con No Reply deramos alí un concerto. Falamos con Miguel (o dono do local) e dixémoslle que queriamos facer algo diferente. Non un disco ao uso, senón algo que tivese vida.
E ao mesmo tempo, buscabamos illarnos de Madrid. Queriamos afastarnos da rutina, dos ensaios, da nosa vida diaria... e darlle unha identidade especial ao proxecto. E todo iso encontrámolo no Grove, ao lado da praia. Así que se pode dicir que Un jardinero en la Antártida, que é como se chama o disco, ten alma galega. Foi aí onde se creou.
"O son que conseguimos gravando o disco no Náutico é moi especial, non hai outro igual. Ten vida, é moi rico en matices"
Por que rexeitastes gravalo nun estudo tradicional?
Interesábanos encontrar un son que un estudo non che pode dar. Buscabamos un son moi orgánico, moi de directo. Non queriamos un sitio que estivese preparado acusticamente. Hei de recoñecer que ao final nos resultou complicado mesturalo porque, por exemplo, a través do meu micro entraban todos os instrumentos, a cámara de cervexas do local estaba a bufar, soou algún que outro teléfono...
Os seguintes discos xa non os plantexaremos así, terán unha produción máis perfecta, máis pulida. Pero para arrancar un proxecto musical como o de DuMMie, queriamos facelo desta forma máis acústica. E estamos moi contentos do resultado. O son que conseguimos é moi especial, non hai outro igual. Ten vida, é moi rico en matices.
Foi unha aposta arriscada e intensa, non? Cantos días estivestes no Náutico?
Pois si, foron catro ou cinco días de moita tensión, pero foi un proceso moi enriquecedor. Foi case coma se estivésemos a gravar un disco hai 60 anos, cando non había a tecnoloxía que hai agora que faiche todo máis doado. Custounos moito empezar. Tardamos en encontrar un son o suficientemente limpo para poder gravar. Levounos un par de días illar os instrumentos. Volvémonos tolos. Gravamos quince cancións, aínda que tivemos que repetir algunha que outra canción varias veces porque non remataba de gustarnos
Estades satisfeitos de como soa Un jardinero en la Antártida?
Estamos moi contentos. Aínda que nalgúns momentos me gustaría ter podido darlle algo máis de potencia, o balance de calidade e calidez é moi bo e orixinal. ÿ un disco con moita personalidade e é o que buscabamos. Ángel Luján, técnico de son de Vetusta Morla, fixo un traballo fabuloso. Logrou resaltar a personalidade do disco. E en directo é moi especial. Estamos máis pegados ao jazz, afastándonos un pouco do pop polos propios músicos que nos acompañan e porque hai menos instrumentación. ÿ todo máis íntimo.
Non sei se con todo o atafego que supón sacar un disco, fixestes balance destes dous anos de vida que ten xa DuMMie. Como xurdiu este proxecto?
Eu estaba aínda con No Reply, onde era vocalista e trompetista, e Goiko era o baterista de Mojo Project, pero tiñamos ganas de facer algo xuntos. Eu empecei a compoñer en castelán e a preparar outro tipo de cancións diferentes ás que viña facendo ata ese momento. Queriamos partir das raíces da música negra e mesturalo cun estilo próximo ao de artistas como Jorge Drexler ou Quique González.
Era un concepto que nos parecía interesante como punto de partida, porque se achegaba ao que nos gustaba. Non buscabamos un son jazz ao uso, senón un son personalizado que fixese que a banda fose recoñecible ao instante pola música, o tipo de arranxos, as letras... Levamos dous anos vendo e probando cousas. Demos xa algún concerto, pero queriamos arrancar cun disco baixo o brazo. O proxecto tiñámolo claro e o concepto tamén.
"Fainos falta rodaxe, pero apetecíame que a xente puidese escoitar xa o disco e os fosemos enganchando"
E o nome da banda foi buscado ou xurdiu por casualidade?
Xurdiu charlando, diante dunhas cervexas e entre risas. Todos nós facemos música para outros artistas. Somos profesionais que vivimos, en parte, a base de tocar para outros. E falando sobre iso saíunos este concepto. Que eramos como os bonecos 'dummies' que se utilizan para testar os coches. Imos recibindo golpes e cambiando cousas para ir facéndonos un oco pouco a pouco, logrando ser cada vez mellores. Esa comparación gustounos. Pensamos que se axustaba bastante a este proxecto.
Dende que apareceu Un jardinero en la Antártida, non parastes de recibir eloxios polo voso traballo. Como recibides estas críticas tan positivas? Esperabádelo?
ÿ unha alegría, por suposto, pero temos que ir pouco a pouco. Fainos falta rodaxe, pero apetecíame que a xente puidese escoitar xa o disco e os fosemos enganchando. Temos que ser moi humildes. Queremos empezar a movernos, que o público nos vaia coñecendo e lles gustemos. Cremos que entra moi ben porque ten un código moi próximo ao jazz e é moi accesible. Estamos a desexar que vaian pasando os meses e dar un paso máis.
Apostastes moi forte pola Internet e as redes sociais. De feito, fostes avanzando as cancións do disco a través delas.
Queriamos crear certa expectación antes do disco e agora as redes sociais teñen unha importancia enorme. A compravenda de discos está nun momento complicado pola propia cultura do público e a situación do negocio musical. Cremos tamén nos discos físicos, é algo bonito, algo para ter de recordo. Hai certo sentimento de coleccionismo que me gusta. Pero parecíanos interesante ofrecer algo diferente con este proxecto.
E por iso apostastes por YouTube (cada canción do disco ten o seu correspondente video en que mostra como foi esa gravación no Náutico)?
Queriamos ir presentando as nosas cancións pouco a pouco e no mesmo sitio. Que a xente puidese ir compartindo os videos e ir xerando expectativas. Visualmente é unha ferramenta moi potente. De súpeto ves un video dunha xente que está a tocar e éntrate polos ollos. Iso transmítese. Gravounos unha empresa galega, Pixelin Photo. Fixemos tamén con eles un 'making off' para que a xente vise como formularamos todo o proxecto.
"Non quero meterme en temas políticos, pero o que está claro é que non se presta unha atención importante á cultura"
Que plans ten DuMMie a curto prazo?
Ata agora só tiñamos tocado en Madrid. Galicia é a nosa primeira saída. O que queremos é ir tocando, ir ensinando o que facemos. Estivemos ocupados porque ademais de DuMMie tocamos con outros artistas. Pouco a pouco irémoslle dando máis prioridade a isto. Para outono queremos arrancar con forza. Achegarnos máis aos medios, trazar un plan de traballo para lograr que nos vaia coñecendo máis xente e ir tocando máis, sobre todo en salas pequenas e teatros, porque a nosa música encaixa moi ben neles.
E como o vedes tendo en conta a situación actual da música?
A crise aféctache máis ou menos en función da situación de cada un ou segundo de que cidade sexas. Ser de Madrid, por exemplo, permíteche entrar en contacto con outras bandas, compartir proxectos. Pero aínda así é difícil polo valor que se lle dá á profesión e ás salas de concertos hoxe en día. Probablemente levemos xa tempo así, pero isto vai a peor.
Madrid perdeu o festival de jazz que tiña, as salas péchanse por problemas de financiamento... agora pecha o Café Central, despois de 32 anos programando música 365 días do ano. E non hai apoio ningún por parte do concello ou do Goberno. Non quero meterme en temas políticos, pero o que está claro é que non se presta unha atención importante á cultura. Non se inviste absolutamente nada nela. ÿ moi triste.
Relacionadas:
-
O Náutico do Grove despide o verán con Coque Malla, Sés, Full ou Novedades Carminha
Por Alejandro Espiño |
-
Marlango, aperitivo dun agosto con Sidonie, Delafé, Albert Pla ou Ariel Rot no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño |
-
La Habitación Roja, encabeza un festival que fusionará música e catas de viño no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño |