Unha asociación que traballa en rede busca promover Pontevedra como plató audiovisual
Por Redacción
Promover a cidade de Pontevedra como plató para todo tipo de rodaxes audiovisuais. ÿ un dos principais obxectivos da Asociación Audiovisual de Galicia, un colectivo que xurdiu hai un ano na cidade e que este xoves presentouse oficialmente no Concello de Pontevedra. ÿ o paso previo a unha gala que se celebrará o próximo luns 7 de xullo, ás 21.00 horas, no Teatro Principal, onde presentarán os primeiros traballos realizados pola asociación.
Segundo explicou o seu presidente, Diego Dojer, trátase dun colectivo de profesionais do audiovisual que, ante as dificultades que se viven actualmente no sector, apostaron por traballar en rede, ofrecendo unha colaboración mutua. Buscan, entre outras cousas, promover o audiovisual galego, crear unha base de datos para unha colaboración interna ou fomentar a creación de eventos e espectáculos audiovisuais.
Entre os proxectos actuais nos que traballan está unha curtametraxe dirixida por Samuel Lema e protagonizada por Rubén Riós ou unha mediometraxe de Noelia Toledano, con Uxía Blanco e Xoque Carbajal. Ademais, estudan a posibilidade de impulsar un festival de curtametraxes na cidade de Pontevedra, un proxecto que está aínda na súa fase embrionaria.
Na gala do Teatro Principal, ademais de actuacións musicais en directo, proxectaranse algúns dos traballos realizados neste primeiro ano como a curtametraxe Género, escrita e dirixida por Diego Dojer; Como lo haces, o último videoclip de Quatro D Abril; e Vralia, a peza promocional dun espectáculo de ilusionismo.
O 90% das localizacións que se empregan nas súas producións son na cidade de Pontevedra.
A asociación, que está aberta a todo tipo de profesionais relacionados co audiovisual, conta ademais con material técnico propio que se pon a disposición dos socios que o precisen para os seus proxectos persoais.