Bos tempos para a lírica de Manuel Pérez Lourido
Por Anxo Lourido
Alá pola década dos oitenta, cando Golpes Bajos entoaba os Malos tiempos para la lírica, conta o escritor Rodrigo Cota que Manuel Pérez Lourido xa escribía versos nun fanzine. Cota afirma agora, co tempo, que mentres o resto de mozos se crían rebeldes pegando saltos no medio da "movida" viguesa, os auténticos subversivos eran aqueles rapaces que escribían versos en tempos difíciles para a poesía.
Vinte anos máis tarde, Manuel Pérez Lourido, colaborador de PontevedraViva, segue sendo subversivo. Só cambiou o formato no que traslada os seus versos. Pasou do fanzine ao libro e así presenta o seu primeiro poemario baixo o título de Vértebras e lóstregos.
Esta primeira obra, publicada por El taller del poeta, foi presentada polo autor ante numeroso público na Casa das Campás e en compañía doutros dous escritores pontevedreses de talento, o xornalista Manuel Jabois, e o propio Rodrigo Cota que non dubidou en cualificar a Pérez Lourido como "o mellor escritor galego da actualidade".
Manuel Pérez destaca por un estilo claro, preciso e elegante. O escritor, profesor de profesión, é un habitual participante en foros da rede, ademais de contar co seu propio blog, Galpón das choivas.
Relacionadas:
-
Éxito da presentación do novo poemario de Manuel Pérez Lourido
Por Mónica Patxot |
-
Manuel Pérez Lourido presenta 'Después daré un grito' este luns 15 na Casa das Campás
Por Redacción |
-
Manuel Pérez Lourido presenta en papel as súas historias cibernéticas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Manuel Pérez Lourido presenta este venres o seu libro 'Quedarse en Pontevedra'
Por Anxo Lourido |