La Habitación Roja, encabeza un festival que fusionará música e catas de viño no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño
Máis de doce horas de música e catas de viño. ÿ a curiosa fusión que propón o festival Ribeiro Son de Viño, que se celebrará o próximo sábado 19 de xullo no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove). Trátase dun evento que estará dedicado á degustación dos caldos da Denominación de Orixe do Ribeiro, e acompañados dunha atractiva proposta musical de alta calidade e para todos os gustos.
La Habitación Roja, un dos grupos de referencia no pop indie español, será o cabeza de cartel deste novo festival que se incorpora á escena musical galega. Presentarán en directo os temas de La moneda en el aire, o noveno disco da súa carreira. Trátase dun traballo no que os valencianos ofrecen un son no que se potencia a base rítmica, os arranxos, as voces e os teclados, aínda que se mantén intacto o muro de guitarras que os caracteriza.
Actuarán a partir da unha da madrugada, pero antes o escenario do Náutico de San Vicente irá recibindo a outras propostas musicais. Modelo de Respuesta Polar, Soledad Vélez, Caxade, La Fabián e Txetxu Altube completan a nómina de bandas e artistas que actuarán neste festival. O fin de festa, que se alongará ata as cinco da madrugada, correrá a cargo de varios DJs invitados.
O festival Ribeiro Son de Viño comezará a unha da tarde cunha cata na que se presentarán as adegas que, posteriormente, irán presentando os seus viños ao longo de todo o día. Serán seis as casas que participarán nestas catas: Cuñas Davia, Ramón do Casar, Viña Mein, Campante, Coto de Gomariz e Viña Costeira. Todas elas estarán acompañadas das súas respectivas degustacións gastronómicas.
As entradas para este festival pódense adquirir a través de www.ticketea.com.
OUTROS CONCERTOS DE XULLO
Este festival é o grande evento da programación cultural do Náutico de San Vicente do Mar para este mes de xullo. Aínda que aínda quedan concertos por desvelarse, o punto de partida será a actuación que protagonizarán, este sábado 5 de xullo, a banda Lakazáns, coñecidos polas versións que realizan de grandes clásicos do blues, do soul e do rock. Xa o sábado 12 será a quenda de The High-Fly Orchestra e Dummie.
Relacionadas:
-
Delafé e Elba encabezan o cartel do Ribeiro Son do Viño, que regresa este verán a San Vicente
Por Redacción |
-
Así se vivirá agosto no Náutico do Grove: 45 concertos en 29 días
Por Redacción |
-
O Náutico do Grove despide o verán con Coque Malla, Sés, Full ou Novedades Carminha
Por Alejandro Espiño |
-
Marlango, aperitivo dun agosto con Sidonie, Delafé, Albert Pla ou Ariel Rot no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño |
-
DuMMie, banda que fusiona jazz e pop: "O noso disco ten alma galega. Foi aí donde se creou"
Por Alejandro Espiño |