Vortex 'confésase' co seu primeiro disco, coa vista posta no seu concerto xunto Soziedad Alkoholika
Por Alejandro Espiño
Vortex xa ten o seu primeiro disco no mercado. Chámase Confessions e a súa edición foi posible grazas á campaña emprendida a través de crowfunding. O grupo pontevedrés quenta así motores para o que será o concerto máis importante da súa carreira, o que protagonizarán o próximo 9 de agosto na Praza de España. Serán os encargados de acompañar a Soziedad Alkoholika na estrea das Festas da Peregrina.
Segundo Marcos Rodríguez, guitarrista da banda, "cando nos dixeron con quen íamos tocar, flipamos". Asegurou que para eles actuar co grupo vasco "é unha pasada", porque se trata dunha formación "que nos encanta" e que está entre as súas influencias, xunto con grupos como Metallica, Judas Priest ou Bullet For My Valentine. Sinalaron que, sen dúbida, é un concerto que ningún deles esquecerá xamais.
Nel poderán presentar en directo, por primeira vez en Pontevedra, as cancións deste debut discográfico. Trátase dun disco que lles levou máis dun ano de traballo "pechados no estudo e con moitos madrugóns", explicou Jacobo Sainz, guitarra e voz da banda, que mostrou o seu agradecemento ás persoas que colaboraron, no financiamento do disco. Entre eles e o diñeiro recadado en premios musicais, afrontaron os 2.000 euros que custou a súa gravación.
Todos os patrocinadores recibirán as súas recompensas nun encontro coa banda que se celebrará este xoves, ás 20.00 horas, nas escaleiras de San Francisco. Nel tamén se poñerá á venda o disco para todos os que estean interesados en adquirilo. Un traballo musical no que tamén colaborou activamente Isidro, guitarrista de Malkeda.
Jacobo Sainz sinalou que os que escoiten o disco, que tamén está dispoñible en plataformas dixitais como Bandcamp, iTunes ou Spotify, se encontrarán cun estilo metalcore melódico, mestura do metal de finais do século XX coa proposta de bandas máis actuais. De feito, bromearon con que se refiren a eles como "os máis tranquilos dentro do metal ou os máis duros dentro do pop".
Ademais do concerto en Pontevedra, Vortex ten outras actuacións programadas para este verán, entre elas, unha na Sala Son (Cangas), o próximo 22 de agosto.
Relacionadas:
-
A banda pontevedresa Vortex pon en marcha orixinais iniciativas para promover o seu novo disco
Por Redacción |
-
Soziedad Alkoholika esquece a polémica e abarrota a Praza de España no primeiro concerto da Peregrina
Por Redacción |
-
Policías e gardas civís "indignados" ante a contratación de Soziedad Alkoholika para as festas
Por Oskar Viéitez |
-
Soziedad Alkoholika, Duncan Dhu, Love of Lesbian, Antonio Orozco ou El Consorcio, nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
Vortex busca mecenas a través de crowfunding para poder gravar "Confessions", o seu primeiro disco
Por Alejandro Espiño |