Pontevedra e Sanxenxo, próximas citas da xira galega da Orquestra Universitaria de Amsterdam
Por Redacción
A Praza dos Barcos acollerá este martes, a partir das 19.00 horas, un concerto da Orquestra Universitaria de Amsterdam 'Crea', unha proposta enmarcada dentro da xira que esta agrupación está a realizar en diferentes localidades galegas.
E é que ademais das actuacións que ofrece habitualmente en Holanda, cada dous anos a orquestra planea un tour por diferentes países como Italia, Francia, Letonia ou Eslovenia, intentando incluír a interpretación de música do destino e promover intercambios con músicos locais.
Liderada dende hai 25 anos polo director Bas Pollard o repertorio que presentará en Sanxenxo inclúe España de Emmanuel Chabrier, Granada de Isaac Albeniz, Primeira sinfonía de Johannes Brahms e Concerto para tuba de Ralph Vaughan Williams. Precisamente, esta última peza será interpretada polo solista galego Guillermo Collazo Cortegoso.
No caso de chuvia, esta actuación se desenvolverá ás 21.30 horas no Novo Templo.
Xa o venres, a cita será ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde estarán acompañados pola Banda de Música de Salcedo.