Luis Ventoso e Manuel Bragado, premios Julio Camba e Fernández del Riego 2014
Por Natalia Puga
Luis Ventoso Castiñeira polo seu artigo 'Contra todo pronóstico' publicado en La Tercera de ABC e Manuel Bragado Rodríguez polo seu artigo 'Illa Soidade' publicado no seu blog Brétemas e no periódico Faro de Vigo levaranse este ano os premios de periodismo Julio Camba e Fernández del Riego, respectivamente.
Foi a decisión unánime do xurado reunido este luns no Centro Social de Afundación para valorar a XXXV edición do Premio de Periodismo Julio Camba e a XI edición do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, aos que este ano se presentaron 94 orixinais, un 50 por cento máis que na súa edición 2013.
O escritor Alfredo Conde, presidente do xurado, contextualizou o resultado dos premios deste ano na variedade dos medios nos que publican os galardoados en anos anteriores, pois o considera unha demostración da "independencia ideolóxica, partidista e literaria" que caracterizou a ambos os dous galardóns "dende sempre". "Sempre nos movemos nun ámbito de liberdade que segue estando no presente", salientou enfrontando esta situación á que se dá noutros galardóns que se fallan en España, pero sen poñer nome a esta crítica.
De Luis Ventoso destacou que é, ao seu modo de ver, "un dos mellores articulistas que hai en España" e que resulta "grato" poder premiar un xornalista literario como el por un artigo sobre o escritor Marcel Proust (publicado o 14 de novembro de 2013).
De Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais, salientou que é un autor "máis de corte social, máis comprometida coa realidade actual" e que, a pesar de ser editor máis que escritor, escribe o blog Brétema, "que é unha consulta case obrigada para quen se mova na cultura de nós". O autor presentou o artigo polo seu blog, pero tamén se publicou o 24 de decembro de 2013 en Faro de Vigo.
O escritor Víctor Freixanes, director de Editorial Galaxia e tamén membro do xurado, considera que ambos os dous premios demostran que "Pontevedra está no escaparate do xornalismo a nivel internacional" e resaltou que nesta edición xa non só se presentaron artigos publicados en xornais ou revistas en papel, senón tamén en medios dixitais e blogs. Ademais, traspasaron as fronteiras de Galicia e España, pois se presentaron autores de México, Perú, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Chile.
Os premios, concedidos por Afundación e o Ámbito Cultural de El corte Inglés, aínda non teñen data de entrega.