Pontevedra ten 'fame' de cultura: máis de 150.000 espectadores en nove meses de programación
Por Alejandro Espiño
Máis de 150.000 espectadores. Son as extraordinarias cifras de asistencia que logrou o Pazo de Cultura coa súa programación para o curso 2013-2014. Nove meses cheos de ciclos de programación infantil, musical e artes escénicas en xeral, así como de exposicións, feiras e congresos. Todos eles volveron situar os seus catro espazos, o Pazo, o Recinto Feiral, o Teatro Principal e a Illa das Esculturas, como lugares imprescindibles para os amantes da cultura.
Faiponting, celebrado o 6 de outubro, congregou centos de persoas (e as súas mascotas) no complexo Pazo da Cultura - Illa das Esculturas e abriu a tempada de programación. Comezaron tamén no mes de outubro o xa consolidado ciclo Concertos en Familia, destinado a achegar a música clásica a todos os públicos, e a primeira edición de Ponteatro, que ofreceu sete espectáculos teatrais, e terá continuidade este ano.
A música reclamou o seu protagonismo en novembro da man de Sés e Iván Ferreiro. Foi o aperitivo para a entrega dos I Premios Galegos da Música, que se celebrou en decembro. Despois chegaron Cantos na Maré; o ciclo Imperdibles cos concertos de Ana Moura, Fanfarlo, Vetusta Morla e Eli Paperboy Reed; unha nova edición do Jazz no Principal ou o cuarto festival Surfing the Lérez, tan agardado e secundado como os anteriores.
As actividades do ciclo de música e danza PonteClásica, o ciclo de butaca da Banda de Música de Pontevedra, as Ultranoites da compañía Chévere, a Semana Galega da Filosofía, os certames Sete Falares e PontePoética ou o ciclo Pontevedra Escénica que se estendeu entre maio e xuño con pezas de danza, teatro, humor e musicais no Pazo e Teatro, foron outras das propostas culturais destes meses.
Mención aparte merecen un dos ciclos máis consolidados da programación, Domingos do Principal, que tivo lugar entre xaneiro e marzo e estivo composto por sete espectáculos de teatro infantil; ou o XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que volveu demostrar o seu éxito organizando más de 130 actividades en tres semanas e atraendo a preto de 30.000 visitantes de toda Galicia.
Pola súa banda, a Sala de Exposicións acolleu un ano máis Na beira do Río. Diálogos na pintura, esta vez de Eduardo Dios e Pancho Rodiño. O Outono Fotográfico de Juan Adrio; as mostras 20 anos do Camiño Portugués e Terra e Papel de Fonso Catro, homenaxeando a Rosalía; a mostra colectiva Corpo. Miran o que non poden ver e a exposición Século XX en bicicleta, foron outras das dúas apostas.
O Pazo da Cultura tamén acolleu nestes nove meses una masiva actividade feiral e congresual. Nel celebráronse, entre outros, PonteEmprego, Ponte a punto, a pasarela DEBUT 2013, Nadalocio, Culturgal, Galicia Look and Fashion e Expolook Galicia, Sportis, a feira de vodas Sí, quero, Stock Pontevedra ou Edugal. As súas instalacións foron tamén base de operacións do Campionato Mundial de Dúatlon.
Durante o verán, terán lugar eventos puntuais pero a actividade cultural da cidade desprazarase maioritariamente cara as prazas e as rúas. O Pazo da Cultura retomará a súa programación a finais de setembro, mantendo a súa aposta como promotores de cultura na nosa cidade, que como sinalan desde o organismo, "pese a ser pequena, conta cunha programación amplísima e un público fiel e constante dende idades moi temperás".
Relacionadas:
-
A caída do cartel dun dos artistas previstos obriga a atrasar o festival Cantos na Maré
Por Redacción |
-
A compañía Redrum Teatro abre o ciclo Ponteatro co espectáculo "Amor Flexible"
Por Redacción |
-
Volve Faiponting, actividades lúdicas e culturais para toda a familia no Pazo e a Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |
-
"Da ciencia á ficción", temática do XVI Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra
Por Redacción |
-
Preto de 30.000 persoas achegáronse a 'cociñar contos' no XV Salón do Libro
Por Redacción |
-
Ponteatro pecha a tempada cun aforo medio de 240 espectadores por función
Por Redacción |
-
Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal, consolidado xa como o máis sólido escaparate para a cultura galega
Por Redacción |