O Obradoiro García de Riobó (A Estrada), figura central do XV Memorial Ricardo Portela
Por Alejandro Espiño
O Memorial Ricardo Portela chega á súa decimo quinta edición. Celebrarase en Pontevedra os días 11 e 12 de xullo, en plenas Festas do Verán. E nesta ocasión o homenaxeado non será un músico, senón o Obradoiro García de Riobó (A Estrada), un dos talleres artesanais máis antigos de Galicia. Levan preto de 200 anos e cinco xeracións elaborando instrumentos tradicionais, especialmente dando vida ás gaitas de moitos músicos galegos.
O evento volverá a ter un dos principais atractivos na mostra de artesáns de instrumentos tradicionais. Terá lugar na Praza da Ferrería e participarán nel doce dos mellores artesáns especializados en gaitas, percusión ou zanfonas. Estará aberta o venres de 17.00 a 21.30 horas e o sábado de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.30 horas.
Pero de novo a música terá un protagonismo especial. Será inicialmente co pasarrúas que realizarán polas rúas e prazas da cidade membros da asociación Gaiteiros das Rías Baixas (venres, 19.30 horas), un colectivo que está a traballar na recuperación do toque pechado e que rende unha continua homenaxe ao mestre Portela.
Xa o sábado correrán a cargo de Os Terribles de Arousa (sábado 12.00 horas), un cuarteto tradicional con repertorio composto por pezas recollidas por varias xeracións de gaiteiros; ou Os Mecos e Boudebou (sábado 19.30 horas). O primeiro é un cuarteto tradicional con sabor dos gaiteiros das Rías Baixas, e o segundo ten por obxectivo espallar a música galega con seriedade e rigor musical.
A Praza da Ferrería acollerá os concertos principais. O venres, a actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión, un grupo de Gondomar con máis de 60 compoñentes no que as voces son as protagonistas. E xa o sábado, trala homenaxe ao Obradoiro de García de Riobó, será a quenda de Abóbriga, un grupo que mestura a música tradicional con composicións propias e que xa ten editado o seu primeiro traballo discográfico.
A todo elo haberá que sumar, segundo sinalou a concelleira de Festas , Carme da Silva, o "ambiente agradable" que se xenera con este memorial, porque recordou que durante os dous días de celebración "sempre hai actuacións espontáneas" pola cidade.