Manuel Lourenzo mergúllase na ciencia ficción con Atl
Por Anxo Lourido
- Vir a unha presentación dun libro cando aínda non se leu é un acto de fe.
Así se dirixía o escritor pontevedrés Manuel Lourenzo González aos máis de cincuenta asistentes ao evento organizado polo Ateneo de Pontevedra no Sexto edificio da Deputación para presentar Atl, a obra coa que gañou o Premio Blanco Amor de novela 2011. Explicaba Antón Sobral, representante do colectivo cultural, que "xa non podemos facer estes actos non Centro Social de Novacaixagalicia porque hai que pagar 300 euros".
Manuel Lourenzo iniciou este proxecto hai máis de 15 anos cando un debuxante de cómics lle pediu un guión. Pero o escritor pontevedrés desenvolveu unha trama tan extensa que o debuxante non puido abordalo. Aquel orixinal chegou mesmo ás mans doutro coñecido debuxante, o coruñés Miguel Anxo Prado, pero nunca foi abordado. Anos máis tarde, Lourenzo decidiu retomalo e retocalo. E así naceu Atl, a súa primeira incursión na ciencia ficción pero segundo o propio autor, "vai máis alá dá ciencia ficción, búscolle un sentido épico. E desenvólvese nun tempo distinto do noso, pero non é ou futuro, é un tempo paralelo ao noso" e nese tempo crea palabras, obxectos e personaxes que viven nunha recuperada Atlántida. "Eu gozo inventando palabras", confesa o escritor que se recoñece crítico e pesimista co futuro: "a tecnoloxía avanza moito máis a présa que o pensamento humano".
Atl conta con máis de 500 páxinas e foi editada con sumo coidado por parte da editorial Xerais incluíndo tapas duras. O prezo no acto de presentación era de 24 euros.
No acto ao que acudiu a escritora Fina Casalderrey, o concelleiro Luis Bará co que Manuel Lourenzo compartiu algún proxecto ou o presidente da APDR, Antón Masa, tamén interviñeron Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e Manuel Figueiras, autor da portada de Atl.