O escritor Benjamín Prado, principal atractivo de PontePoética 2014
Por Redacción
Oito poetas conforman a oferta da cuarta edición do Festival de Poesía PontePoética que comezará o venres 27 de xuño e durante tres días recollerá propostas literarias en galego, castelán, portugués, catalán e vasco, seguindo a liña de edicións anteriores.
As actividades van iniciarse ás 17:30 do venres 27 no Salón de actos do Pazo da Cultura, que se incorpora como espazo para as actividades poeticas, co diálogo da autora portuguesa Ana Luísa Amaral e a catalá Angels Gregori. A continuación haberá un recital no Teatro Principal coa intervención de Ledicia Costas, Íñigo Astiz, Elvira Riveiro e Anxo Angueira. Ese mesmo venres no bar Lady Carmiña, a poetisa Elvira Riveiro e a dj Carina Posse ofrecerán unha perfomance baixo o título 'Balada do peep-show'.
Durante o sábado continuarán as actividades cun obradoiro de poesía a cargo de Xavier Rodríguez e durante a tarde o propio autor acompañado por Ángels Gregori, Ana Luísa Amaral e Benjamín Prado ofrecerán no Teatro Principal un novo recital que terá continuidade ás 19.00 horas no mesmo espazo coa intervención de todos os autores que participan en PontePoética.
O domingo 29, Benjamín Prado, autor de Ecuador, Iceberg e Marea humana, ademais de colaborador da Cadena SER, ofrecerá un obradoiro sobre narrativa no Pazo da Cultura.
As actividades están coordinadas pola poetisa galega Yolanda Castaño en colaboración co Ateneo de Pontevedra e o Concello. Durante a presentación realizada pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e o artista Antón Sobral facíase un convite a todo o público que queira comprobar esta oferta cultural gratuíta porque "sempre resulta agradable mesmo para a xente a que non lle gusta a poesía".