Richard Bona, Robin McKelle, Eric Bibb e Xan Campos, estrelas do XXII Festival de Jazz e Blues de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra volverá soar a jazz e blues. Chega a XXII edición do Festival Internacional de Jazz e Blues que, segundo os seus organizadores, será o máis galego da historia. Actuarán nel un total de 52 músicos "do máis alto nivel internacional", sinalou a concelleira de Cultura, Carme da Silva, quen destacou que 40 deles son da nosa comunidade. Todos eles formarán parte dunha ambiciosa programación que se desenvolverá do 21 ao 26 de xullo.
Esta edición seguirá o esquema que tiveron festivais anteriores. Organizaranse concertos gratuítos en rúas e prazas do centro histórico, coa participación de artistas internacionais de primeiro nivel e poñendo atención especial aos músicos galegos. Haberá jazz contemporáneo (Xan Campos), fusión (Richard Bona) e como é habitual, non faltará o blues (Eric Bibb) e o soul (Robin McKelle).
Unha das principais novidades será a ampliación do programa Jazz na rúa, no que dez músicos levará o jazz e o soul ás rúas da cidade todos os días do festival, de 12.30 a 14.00 horas e de 20.00 a 21.00 horas. Será, destacou Carme da Silva, "unha oportunidade para que todo o público que pasea pola cidade se poida atopar coa música e gozar dela, aínda que poida pensar que este festival non é para eles".
A voz será, segundo explicou na presentación do festival José Antonio Ortiz, un elemento "fundamental" da programación, xa que tres dos catro concertos principais da Ferrería son "excelentes cantantes". De novo, reservaranse nela, dúas noites para o jazz e dúas noites para o blues; mentres que a Praza do Teucro acollerá as actuacións de dúas bandas moi vinculadas co Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.
A programación deste XXII festival é a seguinte:
Luns 21 de xullo: Gabriel Peso Trío (Praza do Teucro, 22.30 horas)
Gabriel Peso é un pianista que deu os seus primeiros pasos en jazz en Pontevedra. Acompañado do tamén pontevedrés Noli Torres e de Kin García, gravou recentemente o seu primeiro disco, Sinapsis. Nel, dá conta do seu eclecticismo con composicións que mesturan o jazz europeo coas raíces da música tradicional galega. "ÿ moi interesante para nós apostar por novos valores que están en auxe", sinalou Luis Carballo.
Martes 22 de xullo: Marcos Pin Factor E-Reset (Praza do Teucro, 22.30 horas)
ÿ a gran 'big band' galega do momento, segundo os organizadores do festival. Está formado por moitos músicos que xa pasaron polo escenario pontevedrés. Liderados polo guitarrista Marcos Pin, presentarán o disco Barbanza. Nel, converxen a sonoridade, a tradición e os arranxos das grandes formacións de jazz coa enerxía de formatos máis reducidos e dispostos en función do seu repertorio.
Mércores 23 de xullo: Richard Bona Group (Praza da Ferrería, 22.30 horas)
ÿ un dos concertos que máis expectación xerou. Richard Bona é, sinalan dende o festival, un dos mellores baixistas de jazz do mundo, todo un multi instrumentista e un virtuoso cantante cunha fermosa voz. Ofrecerá un concerto no que mostrará a fusión que realiza entre o jazz, os sons europeos e os ritmos étnicos africanos. O seu disco máis recente, Bonafield, é un traballo que el mesmo define como "acústico, real e humano".
Xoves 24 de xullo: Robin McKelle & The Flystones (Praza da Ferrería, 22.30 horas)
Robin McKelle é unha artista estadounidense que interesaba dende hai tempo ao festival. Ten, segundo José Antonio Ortiz, discos moi interesantes de jazz, pero optou por redirixir "con acerto" a súa carreira cara ao soul, actualizando o vello son que naceu en Memphis. Coa súa voz profunda, franca e directa é unha digna herdeira deses enormes artistas. As súas influencias country son un claro elemento diferenciador da súa música.
Venres 25 de xullo: Eric Bibb Quartet (Praza da Ferrería, 22.30 horas)
Eric Bibb é un guitarrista cuxa música está fortemente enraizada no blues clásico estadounidense. Moi próximo ás "cancións de traballo" dos pioneiros deste estilo musical, logrou introducir na súa música un toque folk, gospel e country que marabillou a crítica especializada. O seu último disco, Jericho Road, é unha boa mostra de todo isto e déixanos ver unha voz fermosa e o seu virtuosismo á guitarra.
Sábado 26 de xullo: Xan Campos Grupo (Praza da Ferrería, 22.30 horas)
O festival concluirá coa actuación de Xan Campos, un pianista galego que demostra nos seus concertos unha grande enerxía e un profundo sentimento de jazz. Ofrecerá unha "música variada" que, segundo os organizadores do evento, atraerá a un público diverso. ÿ unha boa proposta para todos aqueles que adoran o jazz, pero tamén para os non iniciados, xa que no seu particular son se intúen toques de rock alternativo, música clásica e electrónica.
Relacionadas:
-
A big band Marcos Pin Factor E-Reset dá paso ao jazz na Ferrería con el multiinstrumentista Richard Bona
Por Redacción |
-
A voz do jazz invadirá as Prazas de Pontevedra durante toda a semana
Por Redacción |
-
Chegan as Festas do Verán: máis de 200 actividades lúdicas e culturais do 5 de xullo ao 6 de setembro
Por Alejandro Espiño |