Culturgal 2014 será de pagamento e con eventos gastronómicos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Culturgal, a Feira das Industrias Culturais volverá celebrarse no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 5 e o 7 de decembro pero con dúas principais novidades que foron presentadas durante o transcurso da mañá deste luns 16 de xuño polo novo presidente deste evento, Manuel Bragado, e polo director Xosé Aldea, coa presenza do Conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, acompañado pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro.
Na edición de 2014, Culturgal será de pagamento. Segundo explicaba Xosé Aldea, o pagamento voluntario do ano pasado pasa a ser obrigatorio para concienciar o público da corresponsabilidade coas actividades artísticas. Os adultos terán que pagar dous euros pola entrada e o público infantil un euro. Tamén haberá a posibilidade de adquirir un bono por 4 euros que permitirá a entrada durante os tres días.
En canto a actividades, a proposta desta edición inclúe a gastronomía, a través da súa relación con distintos ámbitos culturais e de sesións de 'show-cooking'. Desta forma, a arte culinaria sumarase ás habituais ofertas relacionadas co cine, as artes escénicas, a música e as actividades audiovisuais.
O prazo para reservar espazos de exposición xa se encontra aberto e pecharase o 31 de outubro, mentres que o prazo para presentar propostas artísticas concluirá o 3 de outubro.
Na anterior edición, segundo apuntou Manuel Bragado, participaron 81 empresas e 14.000 persoas pasaron polo Pazo da Cultura para visitar a Feira. Mantense o mesmo presuposto que en 2013, coas achegas por parte da Xunta e do Concello de Pontevedra. Non obstante, Bragado indicou que xa non contan con axudas do Ministerio de Cultura.
Relacionadas:
-
Xa está aquí o Culturgal: Así será o primeiro día da feira
Por Alejandro Espiño |
-
Presentan Culturgal 2014, a "mellor edición" dunha feira que se abre a novos sectores culturais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O libro convértese en obxecto artístico nunha exposición en Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal celebrarase do 5 ao 7 de decembro e incorpora na súa sétima edición entrada de pago
Por Redacción |
-
Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal, consolidado xa como o máis sólido escaparate para a cultura galega
Por Redacción |