O Festival do Norte aspira a chegar a 6.000 espectadores por día na súa estrea na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño
En apenas tres semanas, A Illa de Arousa converterase nun paraíso non só natural, senón tamén musical. Farao cun Festival do Norte que, tal e como se anunciara previamente, despois de trece anos abandona Vilagarcía e se instala no municipio veciño. Chega á illa "para quedarse", segundo explicaron os seus organizadores durante a presentación dun evento que aspira a alcanzar os 6.000 espectadores por día.
Para iso, do 3 ao 5 de xullo reuniranse na Illa a vintena de artistas e bandas que forman parte dun cartel que mantén o seu espírito arriscado, apostando por un gran número de grupos noveis ou pouco coñecidos. Aínda que como prato forte apostan sobre seguro con The Horrors, Is Tropical ou The Pains of Being Pure at Heart no plano internacional; e Lori Meyers, Russian Red ou L.A., entre as referencias da música española.
O escenario principal do Festival do Norte 2014 estará situado na zona de Aguiuncho e nel terán lugar os principais concertos. A programación por días é a seguinte:
XOVES 3 DE XULLO
- Digitalism (DJ set), Is Tropical, Veronica Falls, Austra, El último vecino, Linda Guilala
VENRES 4 DE XULLO
- The Horrors, We Have Band, Russian Red, L.A., Satellite Stories, DJ Capo, Músculo!
SÁBADO 5 DE XULLO
- Kakkmaddafakka, Lori Meyers, The Pains of Being Pure at Heart, The Wave Pictures, Oso Leone, Wild Balbina.
Pero o traslado á Illa de Arousa permite ao Festival do Norte, segundo os seus promotores, "non só cambiar a situación do evento senón tamén a súa formulación". E ademais do recinto principal, duns 5.600 metros cadrados, haberá outros tres escenarios cos que se busca ofrecer un perfil máis familiar con actuacións musicais e propostas culturais durante todo o día. Tamén o domingo, tras concluír os concertos a noite anterior.
Así, o Auditorio da Illa de Arousa acollerá concertos "delicatessen", actuacións especiais cun repertorio que non é o habitual para as bandas que participan. Son concertos de mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas. Satellites Stories e Sleeping Cat (sábado 5) e The Wave Pictures e Igloo (domingo 6). Serán de entrada libre para os que teña o abono do festival ata completar aforamento.
Pola súa banda, as sesións en familia terán lugar na Praza O Regueiro entre as 12:00 e as 15:00 horas. Serán de carácter gratuíto e contarán con La bien querida, Maribel e Sebastian DJ's e La 4 Pared (sábado 5) e con Templeton, Isaac Torgal e Quilma (domingo 6). Ademais de actuacións musicais contará cun espazo dedicado aos máis pequenos da casa, "Illa do Tesouro", onde se desenvolverán diferentes actividades pensadas para eles.
O cuarto escenario será na propia zona de acampada do festival, habilitada en Area da Secada. Alí, en horario de tarde, haberá unha zona aberta para os asistentes ao festival que estará entre a zona arborada e a praia. Trátase dunha zona verde que estará preparada para gozar das marabillosas postas de sol da Illa, amenizados polos DJ Rafa Morcego e Schulz (venres 4) e Desconcerto DJ's e Curtis Inthekitchen DJ (sábado 5).
Para facilitar a chegada dos asistentes ao festival, haberá un dispositivo especial de tráfico que incluirá a circulación continua de dous trens turísticos polo municipio e buses lanzadeira dende Vilagarcía e O Grove. E é que a organización asegura ter vendido xa 4.000 abonos por anticipado. O resto están á venda por 50 euros (55 na billeteira), mentres que as entradas por día custan 25 euros (30 na billeteira)-
Relacionadas:
-
Vivendas de Bueu e Vilaboa, entre as mellores obras arquitectónicas dos últimos dous anos
Por Redacción |
-
Primeiras confirmacións do Festival do Norte 2014: The Horrors, Lori Meyers ou Russian Red, entre outros
Por Redacción |
-
A Illa de Arousa, novo destino para un Festival do Norte que deixa Vilagarcía tras 13 anos
Por Redacción |