A narración oral consolídase como cita cultural coa terceira edición de 'Sete Falares'
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A narración oral tornouse en protagonista da programación cultural desta fin de semana en Pontevedra a través da terceira edición do encontro internacional de contadores de historias Sete Falares. Dende a tarde do venres ata última hora deste domingo ofreceu unha completa oferta de actividades no Pazo de Mugartegui, o Teatro Principal, a Casa das Campás, o CITA ou a Casa da Luz e consolídase xa como unha cita cultural ineludible.
Sete Falares, coordinado por Pavís Pavós, conta este ano coa participación de cinco narradores: Angelo Torres (Santo Tomé e Príncipe), Ana Sofia Paiva (Portugal), Soledad Felloza (Uruguai) e os galegos Avelino González e Pablísimo. Todos eles protagonizaron dende o venres espectáculos dirixidos a un público adulto e infantil.
Segundo destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, o balance desta terceira edición de Sete Falares é "moi positivo". Recordou que se trata dun programa "que comezou dun xeito sinxelo e que arraigou moi ben na programación cultural da cidade". A pesar do mal tempo "que nos persegue desde a primeira edición", numerosos pontevedreses responderon ás actividades programadas "e foron moitas as persoas que viñeron a Pontevedra a participar delas".
Anxos Riveiro recordou que este certame "busca poñer en valor o traballo dos contadores que temos no noso país e que se dedican a isto tanto de xeito profesional como amateur e sacalo dun ámbito no que son moito máis recoñecidos que é o infantil". E por iso foi tan ben acollido, sinalou. "Os maiores temos dereito a escoitar estas historias máis ou menos ficticias"
Dende a inauguración a cargo de Pavís Pavós e o seu espectáculo Historias da tía Valisneria, un nutrido grupo de cidadáns presenciaron as sesións de 'De dous en dous' de Soledad Felloza e Angelo Torres e Avelino González e Ana Sofia Paiva no Teatro Principal; o espectáculo de Pablísimo; os 'Contos e cantos' de Ana Sofia Paiva; e as historias contadas por Angelo Torres.
O broche final do sábado puxérono as catro rutas de historias por Pontevedra que partiron da Casa das Campás pola noite a modo de visitas guiadas pola cidade a cargo dos narradores que participan no festival.
Xa o domingo, o mal tempo non impediu que tivese lugar o planeado viaxe en barco pola Ría de Pontevedra. Desde As Corbaceiras, os asistentes a esta actividade gozaron cos Contos non meio do mar de Avelino González. E pola tarde, o CITA acolleu o espectáculo de Soledad Felloza e o Teatro Principal, a rolda final de narradores, onde participaron todos os autores invitados a esta terceira edición de Sete Falares.
PREMIO A SOLEDAD FELLOZA
O sábado, no marco do encontro, realizouse a entrega do premio de narración oral 'Cociña de Contos' á contadora uruguaia afincada en Santiago Soledad Felloza. Foi galardoada entre candidatos de España, Portugal e Polonia que narraron en formato video contos infantís que tratan sobre comida, alimentos ou gastronomía, ben tomados da tradicional oral ou da súa propia creación.
Como parte do premio, editouse o libro de Soledad Felloza, A cociñeira do Rei, e este sábado fíxose coincidir a súa presentación coa entrega do galardón, que ten unha dotación económica de 2.000 euros. A edición que se presentou está en formato de álbum ilustrado en galego, español, portugués e polaco.
Este certame é unha das principais accións do programa 'Europa á carta', deseñado por OQO editora con O Bichinho de Conto (Portugal) e Tako (Polonia) como editoriais socias.