'Cultura no Camiño' promove 88 funcións escénicas e concertos en 22 concellos da provincia
Por Redacción
A Delegación territorial da Xunta en Pontevedra acolleu este martes a presentación do programa 'Cultura no Camiño 2014', que se desenvolve ata o 27 de setembro en 22 concellos da provincia para ofrecerlle ao público un total de 88 concertos e representacións escénicas.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, salientaron que este ano a provincia incrementou notablemente a súa representación nesta iniciativa respecto da primeira edición, celebrada durante o mes de outubro de 2013 coa participación de 14 municipios que acolleron 23 citas escénicas e musicais.
O circuíto esta conformado por "unha ampla e heteroxénea oferta cultural": 37 funcións de teatro de actor, monicreques e narración oral, 23 sesións de maxia, dez de novo circo, unha de danza e 17 concertos. Ademais, destacou nesta programación a oferta especialmente dirixida ao público infantil e familiar, que supón un 60% do total das citas.
Segundo explicou, esta carteleira despregarase en oito concellos da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla (A Illa de Arousa, Cambados, Catoira, Meaño, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa), outros oito do Camiño Portugués (Caldas de Reis, Mos, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Soutomaior e Tui), catro do Camiño Portugués-Costa (A Guarda, Baiona, Nigrán e O Rosal), un da Vía da Prata (Silleda) e outro do Camiño de Inverno (Rodeiro).
"Contribuirá á descentralización da oferta cultural e achegará os espectáculos e concertos a miles de espectadores"
Cores Tourís fixo fincapé en que a programación de Cultura no Camiño na provincia de Pontevedra "contribuirá á descentralización da oferta cultural e achegará os espectáculos e concertos a miles de espectadores, tanto aos peregrinos do Camiño Portugués como aos habitantes das vilas xacobeas, que son parte fundamental da acollida e da imaxe do noso destino".
Na súa intervención, o xerente do Xacobeo asegurou que as actuacións para a conservación, mantemento e promoción do Camiño "son fundamentais para a súa difusión e para incrementar o valor engadido da experiencia de ser peregrino en Galicia".
O financiamento deste programa realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais implicadas seguindo criterios de poboación. Así, para municipios de máis de 20.000 habitantes, a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia achegan o 40 por cento dos cachés dos espectáculos, mentres que nos concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asume a metade dos custos.