Haberá máis concertos 'Imperdibles' en 2015: o Concello impulsará unha nova edición do ciclo
Por Alejandro Espiño
Foi, sen dúbida, un dos grandes atractivos da oferta cultural de Pontevedra no primeiro semestre do ano. Centos de persoas gozaron cos catro concertos que nos ofreceu o ciclo 'Imperdibles', que nacía co espírito de traer á cidade actuacións de grupos e artistas de proxección internacional. Prometíannos concertos especiais ou pouco habituais e cumpriron ampliamente con Vetusta Morla, Fanfarlo, Eli 'Paperboy' Reed ou Ana Moura.
Xa durante a súa presentación, tanto a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, como Joaquín Martínez, director de Esmerarte e un dos impulsores deste ciclo, aseguraban que 'Imperdibles' nacía con vocación de converterse nunha cita obrigada e estable para os amantes da boa música. E a resposta do público pontevedrés foi satisfactoria, polo que haberá unha segunda edición en 2015.
Aínda que desde o Concello non se quere profundar aínda en detalles, PontevedraViva puido saber que xa se está traballando no cartel para o próximo ano, sondando o mercado musical en busca de concertos que encaixen na filosofía do ciclo e pensando nas datas máis idóneas para traelos a Pontevedra. Así o recoñece a propia Anxos Riveiro, satisfeita de que a cidade respondera tan favorablemente a este proxecto.
"Sabiamos que Vetusta Morla ía a ter moito tirón entre a xente, pero a verdade é que todo o ciclo funcionou moi ben", explica a concelleira de Cultura. Vendéronse todas as entradas no concerto da banda madrileña e no da portuguesa Ana Moura, aínda que este último foi no Teatro Principal e non no Pazo da Cultura como o resto. Máis frouxo en asistencia foi, con todo, o de Eli 'Paperboy' Reed, algo do que o Concello responsabiliza á data, un mércores.
Ese será un dos aspectos a corrixir o próximo ano. Anxos Riveiro asegura que ao ser un ciclo ao que acoden artistas que "é difícil traer de forma habitual", asisten moitos espectadores doutras localidades galegas. Por iso, intentarase que todos os concertos da segunda edición coincidan en fin de semana, "para que xente que veña a estes concertos desde outras cidades poidan pensar ata quedar en Pontevedra varios días".
En todo caso, o groso dos concertos do ciclo 'Imperdibles' volverá celebrarse, previsiblemente, no primeiro semestre do ano. Pero a intención do Concello de Pontevedra é amplialo e buscar tamén artistas ou grupos punteiros "para outubro ou novembro".
Relacionadas:
-
Volve o ciclo Imperdibles: The Sonics, o 9 de outubro, primeira banda confirmada
Por Alejandro Espiño |
-
Eli 'Paperboy' Reed fai bailar a Pontevedra co seu novo son pop e o seu corazón soul
Por Redacción |
-
Pontevedra réndese á 'La deriva' de Vetusta Morla
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Noite 'Imperdible' no Pazo da Cultura: Pontevedra vibra coa música de Fanfarlo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |