Javier Coronas, Javier Cansado, Pepe Colubi e Julián López, catro 'ilustres ignorantes' triunfan en Pontevedra
"Buenas noches, Pontevedra. No, no soy Xosé Manuel Beiras. Tampoco soy Caco Senante. Estoy hasta la polla de que me confundan con ellos", dixo Javier CoroNas nada máis saír ao escenario. El era o mestre de cerimonias de Ilustres ignorantes: World Tour, un espectáculo xurdido a raíz do éxito do programa que el mesmo, xunto con Javier Cansado e Pepe Colubi, presenta en Canal Plus desde hai seis tempadas.
Con el chegaron as primeiras gargalladas dun público pontevedrés que abarrotou o patio de butacas do auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra, para ver a estes tres artistas exhibir a súa 'ilustre ignorancia' nun debate a varias bandas entregado a iluminar as máis diversas ramas do coñecemento, creando discusións perturbadas, sorprendentes e moi divertidas sobre todo tipo de temas de interese: curiosos, metafísicos, culturais ou sexuais.
Como é habitual nos seus espectáculos, Javier Coronas, Javier Cansado e Pepe Colubi contaron cun invitado especial, que lles está acompañando nunha xira galega que os trouxo tamén a Vigo e A Coruña. Trátase de Julián López, que aportou a visión delirante e absurda á que nos ten afeitos nos seus traballos en cine e televisión.
Ao longo de dúas horas de espectáculo, os catro foron desgranando as súas ideas sobre, por exemplo, quen foi o personaxe histórico que lles marcou, cal é o seu animal preferido, que nome de persoa sorprendeulles máis ou cal é o seu método infalible para ligar. Todo iso sobre un escenario cunha sobria posta en escena, únicamente con catro taburetes, unha mesa para servir gintonics e unha coidada iluminación.
Así, Coronas, Cansado, Colubi e Julián Lopez foron ofrecendo respostas que oscilaban entre o rigor científico e o máis asombroso descoñecemento, aceno de identidade deste programa, que fai que cada espectáculo que crean, malia bromear con que o guión escribiuno Bertín Osborne, é distinto, imprevisible e irrepetible. E en Pontevedra volvérono a demostrar con fartura... e cun éxito rotundo.