Virá Amancio Ortega a ver Citizen a Pontevedra?
Por Anxo Lourido
O actor Miguel de Lira bromea e afirma:
- "Estamos á espera de que veña Amancio Ortega a vernos, mandámoslle invitacións por activa e por pasiva. Cónstanos que está ao tanto do espectáculo pero é un home austero e discreto, non sei se gran amante do teatro pero estaría ben que viñera ver Citizen para verse reflexado porque, en realidade, nós contamos a historia da súa vida"
Os inicios, o presente e o posible futuro do imperio téxtil de Inditex aparecen recollidos en Citizen. Así o afirmaban o actor, Miguel de Lira, e o director Xesús Ron durante a rolda de prensa que ofreceron para presentar a función que o venres 23 acollerá o Teatro Principal de Pontevedra a partir das 21 horas.
A obra recolle, segundo a propia compañía, "como se fundou en Galicia un dos imperios económicos máis importantes, mentres que aquí se mantiveron uns índices de desenvolvemento baixos". E para preparar o espectáculo foron collendo datos da realidade do terceiro home máis rico do mundo e adornala de ficción para ofrecer a montaxe máis premiada nos últimos premios María Casares. Aseguran que "a obra non vai contra ninguén" pero tamén afirman que "se fose unha película tería levantado moita polémica". Chévere quere reconstruír un personaxe público do que apenas se coñecen datos e na obra chegan a propoñer como reaccionaría Amancio Ortega ante unha posible ruína do seu imperio.
Citizen suma xa máis dun cento de representacións e é, segundo Miguel de Lira, o "espectáculo do ano". Conta con dez actores e está dividida en tres actos de 70, 60 e 50 minutos de duración cada un con posibilidade de tomar un refrixerio nun dos descansos.
A venda anticipada de entradas realízase a través de Servinova a un prezo de 8 euros, con descontos para estudantes, parados e xubilados (5 euros). O mesmo día da función se poden adquirir as entradas unha hora antes da función na billeteira do Teatro Principal.
LaFundicionBilbao realizaba este vídeo do espectáculo (versión en castelan) en novembro de 2011:
Fonte: Youtube