Poio celebra do 6 ao 8 de xuño a IX Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva
Por Redacción
A xuntanza de gaiteiros Manuel Villanueva chegará á súa novena edición os días 6, 7 e 8 de xuño en A Reiboa, en San Xoán de Poio. Trátase do evento lúdico central da actividade anual da Escola de Música Tradicional de Poio e conta coa colaboración da Concellaría de Cultura.
A parte principal da romaría será a música, coa presenza das bandas de gaitas do Barqueiro (Mañón) e Barbude (A Estrada) e dos grupos de música e cantareiras da Escola de Música Tradicional de Poio. Tamén haberá unha opción de micros abertos. Na noite do sábado, o escenario acollerá tamén propostas de música pop-rock, co grupo Red Trebol.
Na vertente gastronómica, a romaría contará con bar e postos de churrasco, empanada, polbo, arroces e bebidas a prezos populares, e tamén haberá postos de artesanía e exposición e animación infantil de maxia (isto xa o domingo pola mañá) co mago Damián.
En edicións anteriores achegáronse a xantar ou cear á romaría máis de 3.000 veciños e visitantes e actuaron máis dun centenar de músicos na Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva.