Cen anos de historia de Pontevedra a través de 12 pintores e 24 lenzos
Por Redacción
Alejandro Paisa, Rafael ÿbeda, Jorge Castillo, Arturo Cifuentes, Manuel Aramburu, José Barreiro, Jaime F. Falcón, Manuel Ruibal, Eduardo Dios, Álex Vázquez, Manuel Moldes e Fernando Vilanova. Doce nomes que representan distintas xeracións da historia artística de Pontevedra e que poden verse por primeira vez nunha exposición conxunta. Son os ingredientes fundamentais da nova mostra inaugurada este mércores no Café Modermo.
'Unha mirada, dous tempos. Artistas de Pontevedra para un centenario' compóñena 24 lenzos, dous por cada un dos artistas seleccionados, pero tamén un catálogo editado para a ocasión no que o comisario da exposición, Ramón Rozas, explica o espírito da iniciativa da Fundación Novacaixagalicia e o Concello de Pontevedra, se achega a cada un dos autores e, ademais, reproduce as 24 obras.
Con 'Unha mirada, dous tempos. Artistas de Pontevedra para un centenario' Ramón Rozas marcouse o propósito de incidir en como a forma de mirar dos artistas varía en función do tempo, do lugar, das circunstancias persoais do autor e do momento histórico que o rodea. Por ese motivo, dos doce autores representados nesta exposición, o público verá dúas obras confrontadas: unha de xuventude e outra de madureza en que todos eses aspectos se conxugan para dar lugar a múltiples análises artísticas.
A exposición naceu como homenaxe ao centenario dos cadros realizados por Carlos Sobrino en 1914 para o Café Moderno, que supuxo unha das etapas máis frutíferas da arte e do coñecemento en Pontevedra. Os lenzos de Sobrino foron testemuña daqueles anos 20 e 30 nos que xurdiron os famosos faladoiros do Moderno, uns encontros que pasarían á historia pola importancia de todas as figuras que nelas participaron. Castelao, Bóveda, Filgueira Valverdeou Paz Andrade son algúns dos nomes célebres que se deron cita nos salóns e que impulsaron a vida cultural pontevedresa. Ademais, xusto neses anos, tamén se arremuiñaban en torno a Pontevedra os novos integrantes do que logo se denominaría Los Renovadores, eses mozos que cambiaron o xeito de entender a pintura en Galicia.
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro; a responsable de Artes Plásticas da Fundación Novacaixagalicia, Paloma Vela; e Ramón Rozas coincidiron en destacar a importancia da cidade de Pontevedra, e o seu Café Moderno, como catalizadores da arte. Tanto nas décadas iniciais do século XX como na actualidade. Con esta exposición búscase poñer de relevo a importancia de Pontevedra, ao longo da historia, como unha cidade fonte e referencia de cultura en todos os niveis. E, no centro de toda esa creación, o Moderno.
A exposición compleméntase cun programa educativo elaborado pola Fundación Novacaixagalicia que inclúe obradorios para as diferentes etapas escolares. 'Pasiño a pasiño... un conto polo camiño' conducirá aos pequenos de infantil ata primeiro ciclo de primaria na busca das páxinas dun conto que logo, tras explorar toda a exposición, se confeccionará no espazo do taller e 'Arte e parte da historia de Pontevedra', orientado a nenos dende segundo ciclo de primaria ata primeiro ciclo da ESO, converterá aos artistas e a cidade nos protagonistas dunha competición de pistas por toda a exposición. Por último, os alumnos de segundo ciclo diso, bacharelato, ciclos formativos e público adulto de asociacións ou de visitas xerais, poderán seguir unha completa e exhaustiva visita en que se analizarán os detalles desta exposición. Para concertar unha reserva, o teléfono de contacto é o 986 333 210.