Nova cita con Domingos Musicais no Sexto: concerto do cantautor gaditano José Antonio Delgado Millán
Por Redacción
O ciclo Domingos Musicais no Sexto ofrecerá un novo concerto este domingo 1 de xuño, ás 19:30 horas. Sobre o escenario do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra estará o cantautor gaditano José Antonio Delgado Millán. Trátase dun novo cantautor cuxas influencias máis directas van dende o pop actual ata o flamenco e o jazz.
Gañador de diversos certames nacionais de canción de autor, gravou tres discos. O primeiro, autoproducido, leva o nome do propio artista. O segundo, Mareado, é unha produción de DodeMusic; mentres que o terceiro, Perdiendo Altura, editouse baixo o selo Odeón, de Ediciones Alxibe. Todos eles foron dirixidos, arranxados e producidos musicalmente polo mestre Joaquín Calderón.
Na súa traxectoria profesional, José Antonio Delgado Millán compartiu escenario con músicos do talle de Antonio Vega, Javier Ruibal, Jorge Drexler, Luis Pastor, Leo Minax, Carlos Chaouen e Vanesa Martín, entre outros.
A temática das súas cancións céntrase en facer retratos íntimos daquelas pequenas cousas cotiás, valores e paixóns humanas e especialmente no amor pola vida.
Neste concerto, que terá entrada libre ata completar aforamento, estará acompañado polo guitarrista gaditano Andy Pérez.