A obra de Antón Abreu Bastos, na galería About Art ata o próximo 5 de xullo
Por Redacción
Conmemorando o décimo aniversario do falecemento do artista vigués Antón Abreu Bastos, a galería About Art de Pontevedra celebra unha exposición en colaboración coa familia do autor, onde se presenta unha selección de obras que pertencen ás principais etapas de produción do artista galego, afincado en Arxentina durante gran parte da súa vida.
A obra de Abreu Bastos encóntrase nas principais coleccións de arte galegas, como a Colección Caixanova ou o Museo Quiñones de León, así como en diversas institucións arxentinas.
Entre as súas múltiples exposicións destacan as realizadas na Galería Pesner ou o Museo Provincial de Tucumán, a Sociedade Arxentina de Artistas Plásticos, a Galería Velázquez, o Centro Cultural General San Martín ou a Galería Chagall, en Arxentina; e na Galería Forma 2 de Madrid, Ateneo Curros Enríquez en Ourense, Sala de Arte da Caixa de Aforros de Vigo, Galería de Arte Orfila en Madrid, e as Galerías Velázquez e Arte Alpide de Vigo, en España.
A exposición inaugúrase este xoves 5 de xuño ás 20.00 horas nun acto que contará coa presenza da familia do autor, entre eles, a súa esposa e tamén artista Elsa Pérez Vicente. Estará aberta ata o próximo 5 de xullo.