Profesores da Facultade de Belas Artes expoñen as súas obras no Sexto Edificio
Por Oskar Viéitez
A sala de exposicións temporais do Sexto Edificio do Museo acollerá desde este venres e ata o vindeiro 22 de xuño a mostra En plenas facultades II
Comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González Alegre, trátase da segunda fase dun proxecto iniciado xa o pasado ano e que pretende visibilizar o traballo creativo dos profesores que imparten clases na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A Administración provincial leva xa tempo colaborando cos estudantes de Belas Artes con iniciativas como o certame Novos Valores, as diversas exposicións de traballos destes alumnos ou o Máster de Belas Artes, unha colaboración que o goberno provincial quixo estender ao profesorado porque ademais de profesores son grandes artistas, destacou a deputada Ana Isabel Vázquez.
Porque ademais de profesores son grandes artistas
Así mesmo, o decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana, subliñou a "importancia de que na cidade de Pontevedra se poida ver unha mostra deste calibre, onde se reflicte toda a labor artística" dos docentes.
Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, subliñou que "moi probablemente" sen o traballo cultural da Deputación de Pontevedra primeiro "como mecenas e patrocinadora" de artistas por medio da creación de bolsas xa desde o século XIX, e despois co Museo de Pontevedra, "a Facultade de Belas Artes non estaría en Pontevedra". Así, lembrou que eses foron os argumentos que fixeron que a cidade do Lérez fose a elixida para acoller este centro formativo, para o que inicialmente se barallaran outras ubicacións.
ARTISTAS RECOÿECIDOS
A mostra recolle obras de Nono Bandera, Berta Cáccamo, Fernando Casás, Manolo Dimas, Almudena Fernández Fariña, Elena Fernández Prada, Anne Heyvaert, Anxel Huete, Elena Lapeña, Chelo Matesanz, Manuel Moldes, Mónica Ortuzar e Ignacio Pérez-Jofre.
Todas elas, unidas ás expostas na primeira edición en 2013, poden tamén contemplarse nun catálogo que a Deputación editou con motivo desta exposición.
A mostra incluirá, ademais, 2 visitas guiadas, unha para os máis cativos, que terá lugar o sábado 31 de maio ás 12,00 horas, e outra para adultos, o 11 de xuño ás 20,00 horas.