O show poético de Yolanda Castaño
Por Redacción
Combina a lírica con proxeccións fílmicas e consegue sorprender o público que asiste aos seus recitais. Yolanda Castaño segue sendo a poetisa de referencia en Galicia e a máis coñecida grazas ás súas intervencións televisivas. Propostas tan atractivas como Unha poética con profundidade de campo que presentaba no Sexto edificio do Museo de Pontevedra reafirman a súa posición como escritora vangardista.
A través da música e da proxección de imaxes, a autora pretende trasladar a un público maioritario o poder da palabra poética.
Yolanda Castaño dirixe tamén o festival Pontepoética que organiza o Ateneo co Concello pontevedrés e dende 2009 é a responsable de Poetas Di(n)versos, unhas xornadas de recitais de poesía promovidas polo Concello da Coruña.
O recital enmárcase dentro do ciclo que organizan a Deputación Provincial e o Ateneo baixo o título Pontevedra, imán de palabras. Por esta mostra poética están a pasar algúns dos máis prestixiosos poetas nacionais como Luis Eduardo Aute, Carlos Oroza ou Luis Alberto de Cuenca.