Descarga de balde con PontevedraViva o e-book 'Ons: unha illa habitada'
Por Redacción
Dividido en cinco capítulos, o libro electrónico Ons: unha illa habitada, que acaba de ser presentado ao público, permite ao lector interactuar e achegarse ao día a día do quefacer investigador neste lugar, así como escoitar sons da illa e ver entrevistas cos seus habitantes. O libro está dispoñible na iBooks Store de Apple e AQUI pódese descargar de balde.
Este e-book forma parte da colección Anaina, serie electrónica de monografías promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), para divulgar a ciencia ao gran público a través de materiais didácticos en novos formatos.
No primeiro capítulo facilítase ao lector, a xeito de contextualización, información sobre o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
O segundo explica os obxectivos e os métodos das investigacións realizadas por na illa e presenta o equipo de traballo.
O terceiro capítulo dedícase ás persoas que viviron e viven en Ons, describindo como é a súa vida cotiá, co campo e o mar como medio de vida, as súas tradicións, lendas e crenzas. Tamén se aborda como se viviu na illa a Guerra Civil, a posguerra ou o desastre do Prestige.
O cuarto céntrase na descrición das paraxes de Ons nas que os seus habitantes deixaron a súa pegada ao longo da historia: dende os depósitos arqueolóxicos como os Petróglifos de Chan da Pólvora, o Castrelo dos Mouros ou A Laxe do Crego, a lugares vinculados coa vida diaria e a súa memoria, como lavadoiros, fontes, hórreos, igrexas ou o mesmo barrio de Curro.
Finalmente, o quinto capítulo trata sobre a historia de Ons: dende as primeiras noticias en torno á súa ocupación e propiedade ata a súa situación actual. Nesta parte pódese saber quen habitou a illa ao longo do tempo e a quen pertenceu a propiedade das terras.
O e-book é froito das investigacións realizadas no marco de dous proxectos: 'Estudo arqueolóxico e etnográfico da paisaxe cultural da illa de Ons', con Paula Ballesteros-Arias como investigadora principal, e 'Procesos de Formación e Cambio da paisaxe cultural do PNIA", a cargo de Cristina Sánchez-Carretero.