As letras galegas reivindican os seus autores e a riqueza literaria da terra
Por Redacción
As letras galegas e os seus autores reivindicáronse e homenaxeáronse un ano máis na Gala das Letras, a primeira que se celebraba en Pontevedra e un acto no que os premiados e todo o sector amosou a súa cara máis reivindicativa para defender a calidade da producción da industria editorial en lingua galega e a propia lingua en si.
A Gala das Letras é cada ano o momento no que se entregan os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ás mellores obras editadas no ano anterior. Na edición 2014 os socios decidiron galardoar a autores como Ramón Nicolás, Anxos Sumai, Berta Dávila ou Xabier P. Docampo polo seu traballo en 2013.
Ademais, logo do acto que se celebrou este sábado pola tarde-noite no Teatro Principal de Pontevedra, o vasco Bernardo Atxaga converteuse no novo Escritor Galego Universal, galardón outorgado pola asemblea para distinguilo como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
O Consello Directivo da AELG trasladou os parabéns aos premiados nesta Gala das Letras e fixo extensiva a súa felicitación a todos os finalistas e candidatos, de quen loubaron "o labor creativo conxunto". A obra de todos eles "convértese nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo".
Os Premios da Crítica Galega, entregados por Ramón Nicolás como membro da Sección da Crítica da AELG, foron para Berta Dávila na categoría de poesía por Raíz de fenda e para Anxos Sumai en narrativa por A lúa da colleita.
Os galardóns por categorías oficiais deste 2014 foron os seguintes:
- Blog Literario: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
- Ensaio: A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino Editores).
- Literatura Infanto-xuvenil: A illa de todas as illas, de Xabier P. Docampo (Xerais).
- Xornalismo Cultural: Carme Vidal.
- Narrativa: A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia).
- Poesía: Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais).
- Teatro: As obras completas (volumes I, II e III) de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas).
- Tradución: Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia).
Ademais, a Asemblea de Socios da AELG concedeu este ano o premio 'Mestres e Mestras da Memoria' a Elba Requeijo e Xavier Blanco "por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional".
As institucións que contribúen á divulgación da lingua e cultura galega teñen cada ano tamén o recoñecemento do sector e nesta ocasión a AELG valora tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro. En concreto, o proxecto Buxiganga, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, "polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego"; a Área de Cultura de Deputación da Coruña, polo Premio de teatro Rafael Dieste; e os concellos de Narón e Tui por dedicar un "especial esforzo" ás artes escénicas.
No transcurso da gala a AELG tamén se entregou a distinción 'Bos e Xenerosos', coa que se recoñece o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiou representantes de todas os ámbitos da escena galega:
- A compañía Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibiu o premio como agrupación profesional.
- Achádego Teatro de Lugo, que fai 25 anos neste 2014, foi recoñecida polo seu traballo no teatro amador.
- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en nome de todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega.
- A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son outros dous proxectos que mereceron destaque da AELG.
- Premio de teatro infantil: A. C. O Facho.