Fexdega desborda e miles de espectadores réndense ante Panorama
Por Aitana Vidal
O recinto exterior de Fexdega en Vilagarcía volveu encherse a rebordar un ano máis da man da gala contra o cancro de Panorama, con miles de espectadores que se renderon ante o espectáculo da orquestra máis famosa de Galicia, que nesta ocasión estivo acompañada de 14 artistas de talle internacional.
A deste venres 2 de maio foi xa a sétima edición da gala en beneficio da Asociación Española contra o Cancro que celebra Panorama e con tal ocasión subiron ao escenario corenta artistas e máis artistas invitados que en anos anteriores. As catorce figuras que conforman o cartel ocupan ou ocuparon recentemente os primeiros postos nas listas de éxitos.
Dende media tarde empezou a encherse o recinto e preto da media noite empezou un espectáculo que se prolongou ata altas horas da madrugada. Abriuno a propia orquestra coa combinación de luz, son e coreografías coa que abre este ano todas as actuacións da súa xira 2014, 'Space Tour', e o resto da noite foi intercalando o seu repertorio cos temas dos artistas invitados.
Durante máis de catro horas, o cantante da orquestra, Lito Garrido, e o humorista Roberto Vilar actuaron de condutores da gala e deron paso a cada un dos artistas invitados. Entre eles estaban o dúo de músicos venezolanos Chino y Nacho, que teñen un Grammy Latino e ocuparon o número un de todas as listas co seu singre La niña bonita; Inna, a raíña do dance, con máis de tres millóns de discos vendidos en todo o mundo; Carlos Baute, que repite presenza e que chega co seu novo éxito En el buzón de tu corazón; os colombianos Cali y el Dandee; e o cubano Dkuba que interpretou o popular A lo loco.
No apartado nacional estiveron Antonio Orozco, disco de platino polo seu último traballo Dos orillas; Azúcar Moreno, que regresan aos escenarios tras sete anos de silencio; Kiko Rivera e Xuso Jones; así como nomes destacados do pop español como Merche ou David Civera; o dúo de música electrolatina K-Narias e o cantante galego José Costas.
A gala contou con colaboradores como a Fundación Novacaixagalicia, que doa á Asociación Española Contra o Cancro o importe íntegro dos gastos de xestión que se cobran aos compradores nas canles de internet e por teléfono, isto é, 0,80 euros por entrada vendida.