Pontevedra réndese á 'La deriva' de Vetusta Morla
Por Mónica Patxot & Redacción
Hai esperanza na deriva, canta Vetusta Morla na canción que dá título ao seu terceiro disco, o traballo que presentaron onte á noite en Pontevedra. Unha mensaxe positiva e chea de enerxía ante a que se rendeu un abarrotado Pazo da Cultura. Foi un concerto no que a banda madrileña non defraudou, ofrecendo un directo de dúas horas no que presentaron ao completo La Deriva, salpicando entre as súas novas cancións algúns dos seus grandes éxitos.
Apenas cinco minutos despois da hora prevista aparecía Pucho, o seu cantante, sobre o escenario. El foi o encargado de arrancar, á percusión, con La deriva e pouco a pouco foi saíndo o resto da banda. Ocuparon o seu lugar no medio dunha escenografía sobria, pero tremendamente efectiva, onde destacaban un intenso xogo de luces e unha pantalla led que interactuou continuamente co motivo da portada do disco.
Tras La deriva chegaron Fuego, Golpe maestro, La mosca en tu pared e Pirómanos, cinco das cancións do seu novo disco e onde mostraron a enerxía que prometían na súa entrevista en PontevedraViva. Un comezo arriscado porque un podería pensar que, tres semanas despois do seu lanzamento, o público aínda non se sentiría cómodo con estes temas. Pero Vetusta Morla demostrou, unha vez máis, ter unha conexión especial co seu público.
Aínda que se unha canción levantou por completo o Pazo da Cultura foi Lo que te hace grande, unha das cancións máis aclamadas do seu segundo disco. A partir de aí, o público non deixou de corear e de bailar o resto do concerto. Poucos foron os que volveron sentarse nos seus asentos ante a exhibición de forza dun grupo que volveu demostrar que, en directo, apenas teñen rival no panorama indie español.
Xa entón un Pucho menos falador do habitual, dera as grazas ao público por apoiar tanto este disco, esgotando as entradas antes mesmo de que estivese á venda. "Habéis confiado ciegamente en nosotros, es un todo un regalo", afirmaba tras mostrarse feliz de volver tocar en Pontevedra e nun auditorio pequeno, destacando que ía ser un "concierto íntimo, casi en familia".
A partir de aí, Vetusta Morla foi combinando temas novos como Cuarteles de invierno, La grieta ou Salas de espera, con grandes éxitos como Un día en el mundo, Maldita dulzura, Valiente, La cuadratura del círculo o Copenhague, que desataron a euforia entre o seu público. Estas últimas estrearon en directo a revisión que a banda fixo delas nos últimos meses para adecuar o seu son ao repertorio actual, dándolles máis frescura e enerxía.
Con Fiesta mayor, outra das novas cancións de La deriva, Vetusta Morla puxo fin á primeira parte do concerto. Pero o descanso non durou moito. O público reclamaba a súa presenza e a banda regresou para tocar tres cancións máis que deixaron sen resollo aos seus fans: Una sonata fantasma, Sálvese quien pueda y El hombre del saco, cuxa percusión inicial segue sendo abafadora.
Pero para sorpresa de moitos, aínda se reservaban a traca final. Foi con Los días raros, a canción coa que adoitaban comezar os seus concertos na anterior xira de Mapas. Vetusta Morla volveu demostrar que este é un dos seus mellores temas, unha canción que gaña moito en directo, e a forma perfecta de rematar ao grande o que, sen dúbida, foi e será un dos concertos do ano en Pontevedra.
ZOÿ ACOMPAÿOU A VETUSTA MORLA EN PONTEVEDRA
Tras actuar con eles en Oviedo, os mexicanos Zoé tamén acompañaron a Vetusta Morla no seu concerto en Pontevedra. A banda presentou os temas do seu novo disco, Prográmaton, un traballo no que apostan por un son máis próximo á música inglesa. Pero no Pazo da Cultura soaron tamén algúns dos seus grandes éxitos como Soñé, Poli, Love ou Nada. Actuarán con Vetusta Morla tamén en Vigo e A Coruña.
Relacionadas:
-
Volve o ciclo Imperdibles: The Sonics, o 9 de outubro, primeira banda confirmada
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá máis concertos 'Imperdibles' en 2015: o Concello impulsará unha nova edición do ciclo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, primera parada da xira española dun Eli 'Paperboy' Reed renovado e máis pop
Por Redacción |
-
Vetusta Morla: "O de Pontevedra será un concerto moi potente. As cancións novas achegan un extra de enerxía"
Por Alejandro Espiño |
-
Así é "La Deriva", o disco que Vetusta Morla presentará en directo o 1 de maio en Pontevedra
Por Redacción |