O grupo de Moraña, Seixebra, gaña o primeiro premio do Concurso de Canto e de Percusión tradicional de Traspés
Por Redacción
A Asociación Cultural Seixebra de Moraña logrou o primeiro premio na segunda edición do Concurso de canto e de percusión tradicional deTraspés, celebrado en Vigo. O grupo lograba este recoñecemento atraves das pandereteiras que concursaron na categoría B coa peza 'Canto, iota e muiñeira de Seixedos, Barciademera' (O Covelo).
Nesta categoría Seixebra concursou xunto con outros trece grupos procedentes de distintos lugares da xeografía galega. Máis de cincuenta conxuntos de música tradicional de toda Galicia pasaron polo escenario do Auditorio de Novacaixagalicia de Vigo para participar neste certame.
Seixebra está formado por Alba Pereira, María Abollado, Noemi Remiseiro e Lucía Magariños, dirixidas pola profesora María Vidal. Dende o grupo afirman que este premio achega máis valor ao traballo de recuperación e á difusión da música e a cultura tradicional galega, que esta agrupación de Moraña realiza dende o ano 1998. Xa en 2013, Seixebra obtivera outro galardón neste mesmo concurso.