Pontevedra ten 'Fame' de webseries
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A rodaxe da segunda tempada da webserie Fame está na súa recta final despois dunha semana de gravación en distintas localizacións da cidade de Pontevedra e de Marín.
Trátase dun proxecto audiovisual que pretende ofrecer unha saída profesional a unha xeración moi nova de creadores, técnicos e actores do novo audiovisual galego. Moitos dos integrantes desta proposta son alumnos da Facultade de Ciencias Sociais do campus pontevedrés.
ÿ o caso da directora e guionista, Anxos Fazáns, que recoñece as dificultades que supón levar a cabo un proxecto no que se implican actores profesionais como Xosé Barato ou Uxía Blanco: "Leva moito traballo e esforzo. Nós contamos con varias colaboracións. Axúdanos a facultade. Eu aínda son alumna e nos deixa o material. A Deputación cede o Príncipe Felipe e contamos con algún patrocinador. E proximamente sacaremos un crowdfunding".
Decidiron iniciar unha segunda tempada despois de que a primeira, formada por tres capítulos, lograse un importante éxito de visitas e mesmo foi seleccionada na sección oficial do festival Carballo Interplay. Nesta ocasión, a aposta é máis ambiciosa: "o proxecto medrou un montón para esta segunda temporada. Agora son máis de 15 persoas no equipo técnico e tamén no artístico. Xa na primeira contabamos con xente da Escola de Arte Dramática de Vigo e tamén con actores profesionais. Hai máis escenas de acción. A complexidade é maior. Está sendo un traballo moi intenso", afirma a directora.
Esta segunda tempada contempla 5 capítulos de máis duración para un thriller do que Anxos Fazáns apenas quere desvelar datos: "Fame é un thriller colorista. Arriscamos máis nesta temporada na estética e no argumento con contrastes entre o thriller e a cor. O argumento trata sobre dúas rapazas que están moi tolas e que viven na carretera unha vida de violencia. A segunda temporada continúa a historia pero non se pode contar nada. Hai que ver a webserie".
O equipo técnico espera que o primeiro capítulo desta segunda entrega se colgue en xullo. Despois iranse ofrecendo novos episodios cada semana ou cada quince días. Confían en obter un novo éxito e, desta forma, afrontar unha terceira tempada de Fame.