O centro histórico danzará o sábado ao 'toque de leghón'
Por Oskar Viéitez
"Unha sociedade que non ten festas, que non manten a súa cultura popular, está condenada á desaparición", así se pronunciou a responsable municipal de festas, a concelleira Carme Da Silva durante a presentación da cuarta edición do Aña urbana.
Trátase dun conxunto de ritos e costumes que se desenvolven en torno aos traballos das labradas no mes de abril, especialmente nunha ampla zona da comarca de Mondariz Paradanta.
Ainda que existen diferenzas dependendo do lugar, existen uns trazos comúns: o traballo colectivo da terra unido a uns cantares específicos para a ocasión, e a execución de ritmos tradicionais tocando en sachos ou leghóns.
Nalgúns lugares atopamos tamén o baile do ramo, no que un mozo saca a bailar ás mozas levando en alto un ramallo de loureiro que se adorna con panos, rosquillas ou lazos.
Esta será a cuarta edición dunha xornada de difusión deste item cultural en Pontevedra, na que grupos de distintas zonas amosan as súas interpretacións da aña, froito da análise e traballo grupal que desenvolven.
Terá lugar o sábado, 26 de abril a partir das 11.00 horas coa apertura da feira de artesanía e comezo do roteiro de grupos polas prazas da Peregrina, Verdura, Abastos ou Curros Enríquez entre outras.
Na praza do Teucro, ás 17:30 horas, obradoiro aberto de toques de leghón e 18:00 horas presentación dos Cadernos da aña onde se recollen as conclusións e reflexións sobre a aña así como un cancioneiro.
Finalmente as 19:00 horas actuarán os grupos participantes que no serán percorrerán de novo as prazas e rúas do centro histórico.