Chino y Nacho, Carlos Baute, Antonio Orozco e Kiko Rivera, na Gala contra o Cancro da Orquestra Panorama
Por Redacción
A sétima edición da Gala contra o Cancro da Orquestra Panorama supera o récord de participantes ao contar con 16 artistas de talle internacional que se subirán ao escenario do recinto feiral de Vilagarcía de Arousa o 2 de maio acompañando os compoñentes da orquestra.
Entre os artistas estranxeiros destacan Chino y Nacho, un dúo de músicos venezolanos que ocuparon o número 1 de todas as listas co seu tema Mi niña bonita e que ten un Grammy Latino; e Inna, a raíña do dance, con máis de tres millóns de discos vendidos en todo o mundo e responsable dalgúns dos éxitos máis bailables do verán como More than friends, Un momento ou In your eyes.
Repetirán sobre o escenario venezolano Carlos Baute, que nesta ocasión chega erguida ao número 1 en todas as listas americanas coa súa canción En el buzón de tu corazón e de actualidade por formar parte do xurado do programa de televisión 'Mira quien baila;' os colombianos Cali y El Dandee, autores de éxitos como No hay dos sin tres ou Yo te esperaré; e Dkuba, artista cubano de longa traxectoria coñecido en España a raíz do seu éxito A lo loco.
No apartado nacional estarán Antonio Orozco, coach do programa televisivo 'La Voz' que acaba de conseguir o disco de platino co seu último traballo Dos orillas; e Azúcar Moreno, que regresan tras sete anos de ruptura co anuncio de novo disco e nova xira.
Artistas de longo percorrido no panorama do pop español como Merche ou David Civera, o dúo de música electrolatina K-Narias e o cantante galego José Costas, popular pola súa versión do clásico Como baila Carmiña, tamén estarán sobre un escenario no que se dará cita dous dos fenómenos musicais da actualidade. Trátase de Kiko Rivera, fillo de Paquirri e Isabel Pantoja que está a obter éxitos co seu hit actual, Así soy yo; e Xuso Jones, que pasou polo programa de televisión 'Tu cara me suena'.
A gala contará ademais cun convidado de excepción, o cómico Roberto Vilar, que se encargará co seu peculiar sentido do humor de animar o público e facer as veces de mestre de cerimonias.
Ao igual que nas dúas anteriores edicións a gala, esta celebrarase no exterior do recinto feiral de Vilagarcía de Arousa, un espazo con capacidade para 20.000 espectadores. O espectáculo dará comezo ás 23.30 horas se ben as portas se abrirán varias horas antes para favorecer a entrada graduada do público ao recinto.
O prezo da entrada é de dez euros en venda anticipada e de doce euros o día da gala. As entradas anticipadas poden adquirirse a través de servinova.com ou a través do teléfono 902 504 500. Así mesmo tamén poden comprar os tíckets anticipados nas dependencias do auditorio de Vilagarcía e nos centros deportivos de Condesa Sport en Vilagarcía e Caldas de Reis.
Os organizadores esperan que este ano a afluencia de público poida ser mesmo maior que en anos anteriores, nos que se alcanzaron as 20.000 persoas, tendo en conta que o día 1 de maio é festivo.
Relacionadas:
-
Fexdega desborda e miles de espectadores réndense ante Panorama
Por Aitana Vidal |
-
A Orquestra Panorama pechará cun concerto os actos do Mundial de Dúatlon
Por Diego Espiño |
-
David Bustamante, Mónica Naranjo e Merche, invitados da VI Gala contra o Cancro da Orquesta Panorama
Por Alejandro Espiño & Aitana Vidal |