Os emigrantes pontevedreses en Bos Aires xa teñen a súa historia en formato libro
Por Redacción
Os emigrantes pontevedreses en Bos Aires contan dende este martes 15 de abril cun libro homenaxe á súa historia na capital arxentina e a súa experiencia cando deixaron Galicia. Trátase de Los centros de la emigración pontevedresa en Buenos Aires, do xornalista Martín Fernández.
O autor do libro e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentarano durante un encontro cos emigrantes pontevedreses en Bos Aires que terá lugar ás 20.00 horas no Centro Galicia.
O libro de Martín Fernández recolle, con abundancia de datos e fotos, a historia dos centros de Lalín, Silleda, Agolada, Hijos del Partido de Lalín, Unión del Partido de Lalín, Centro Cultural de A Estrada, Unión de Residentes de Carbia, Hijos del Ayuntamiento de O Grove, Unión Hijos del Grove, Nativos del Ayuntamiento de Cambados, Hogar de Ribadumia, Asociación de Moraña, Residentes de Vigo y Lavadores, Hijos de Mos, Unión del Valle Miñor, Asociación Tui-Salceda e Hijos de Arantei e Villamarín Perojano.
A historia de cada un dos devanditos centros baséase nas propias actas das distintas sociedades dende a súa constitución ata o día de hoxe e está ilustrado con fotos das distintas directivas e de diversos actos sociais celebrados por cada entidade.
No prólogo desta publicación, o propio Louzán destaca que é "unha homenaxe de gratitude, recoñecemento e respecto aos miles de pontevedreses que deixaron a súa terra e marcharon á emigración constituíndo uns centros que son o froito do espírito de unidade e solidariedade que sempre caracterizou os galegos".
O presidente provincial sinala que eses centros son hoxe unha riqueza e un capital social de primeira orde "só falta que, entre todos, saibamos darlles o valor que teñen e animalos a modernizarse, a adaptarse aos tempos e, en certa medida, a reinventarse".
A publicación deste libro responde a un compromiso adquirido por Louzán cos colectivos de emigrantes pontevedreses para escribir a súa historia na capital porteña, froito do cal xa se publicou Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires, dos profesores Xosé Manuel Núñez Seixas, Pilar Cagiao, Rojo Botana, Pilar Rojo e Xosé Manuel Malheiro.