Os virtuosos Ara Malikian e Fernando Egozcue presentan 'Con los ojos cerrados'
Por Redacción
Ara Malikian, ao violín, e Fernando Egozcue, á guitarra, presentarán en Pontevedra o seu espectáculo Con los ojos cerrados, unha proposta na que se fusionan a música clásica e o jazz, cunha forte influencia do novo tango arxentino. Os dous virtuosos estarán a partir das 20.30 horas, o sábado 19 de abril, no Centro Social da Fundación Novacaixagalicia en Pontevedra.
Fernando Egozcue e Ara Malikian cruzaron os seus camiños en 1998. Malikian vivía daquela en Londres e Egozcue estaba de xira co seu espectáculo Ensamble Nuevo Tango. Comezou así a forxarse unha amizade e un camiño de colaboración que cristalizou en 2007 co CD Lejos, que presentaron en "Los veranos de la villa" en Madrid e ao que seguiron numerosos concertos por toda España. Un encontro que ten a súa continuidade agora en Con los ojos cerrados, onde os dous artistas seguen "vivindo a arte desde unha liberdade transgresora, dúas formas abertas de respecto mutuo no que os une un único interese: compartir".
Durante 75 minutos o polifacético violinista e o prestixioso guitarrista funden neste segundo traballo en común o pop, o jazz e a música clásica cunha poderosa presenza do tango, nunha combinación de estilos e xeografías aparentemente distantes que, porén, se mesturan á perfección "cun virtuosismo e unha enerxía que se transmiten ao público".