Teatro e moda dos anos 70 van da man en Pontevedra
Por Redacción
O próximo xoves 3 de abril o escenario do Teatro Principal trasladarase aos anos 70 e a moda desa época desfilará ante o público da obra Da Vinci tiña razón!. Nos últimos días unha escena similar xa produciuse nas instalacións da tenda Lagasca Vintage de Pontevedra. Unha das protagonistas da peza teatral, a actriz María Garat, enfundouse nos modelos deste establecemento para un shooting con looks dos 70.
María Garat, vinculada con Pontevedra durante a súa etapa de estudante, loce nas representacións de Da Vinci tiña razón! un vestiario setenteiro ao estilo de moitas pezas e complementos que se ofrecen aos clientes de Lagasca Vintage, o primeiro estudo concept store da cidade do Lérez. Aproveitando esta coincidencia, as responsables da tenda pontevedresa quixeron convertela en modelo para unha das súas sesións de fotos.
Da Vinci tiña razón!, unha burla da comedia burguesa de sofá e moble-bar, representarase o 3 de abril a partir das 21.00 horas e as entradas xa están á venda nas oficinas de Servinova a 10 euros.
A sinopse que ofrece Novacaixagalicia é a seguinte:
Todo sucede nunha luxosa casa de campo clónica inscrita nunha urbanización de nivel alto. Ao dono parece que lle vai ben na vida: é alto funcionario do estado, e recibe a visita de fin de semana do seu mais estreito colaborador, un trepa que vén para mostrar a súa nova esposa, un símbolo de status económico. A lista dos quiméricos inquilinos complétase co fillo dos propietarios, que é grande demais para que lle cambien os cueiros, e unha au-pair sueca a que non lle importa facerllo. Os paxaros cantan, o sol brilla e todo está tan limpo que se podería comer no chan da garaxe... ata que comezan os problemas: os W.C. atáscase e non hai onde ir. Os dous funcionarios teñen que cambiar o seu plan de relax de fin de semana por algo máis astrinxente: son policias e o seu deber é saber de onde sae toda aquela merda. As sospeitas crúzanse, os ollos espían de perfil, os narices engúrranse con desagrado, as sombras deslízanse na noite... Todo baixo a enigmática mirada da Gioconda, que parece dicir: En todo este asunto hai algo que ule moi mal.