O "power pop" de Maryland volve a soar na pontevedresa Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Maryland, un dos grupos de música indie máis exitosos da escena galega, pasará por Pontevedra nunha das últimas paradas da súa xira Get Cold Feet, o seu segundo traballo editado co selo pontevedrés Ernie Records. Será este sábado 17 de novembro, ás 22:30 horas, na Sala Karma. Representantes do que se coñece como "power pop", este quinteto vigués regresa así a un dos seus escenarios preferidos.
Get Cold Feet (Ernie Records, 2011), o nome que recibe o traballo que presentan, non ten que ver con ter os pés fríos, non é unha invitación a descalzarnos na neve, como eles mesmos explican. A expresión inglesa pódese traducir por botarse atrás, deixarse vencer polo medo. "Fai referencia a eses momentos nos que debemos tomar unha decisión e éntrannos dúbidas, momentos que se dan tanto na vida persoal como na carreira dun grupo".
Trátase dun traballo no que Maryland envorcouse de cheo, deixando atrás calquera tipo de dúbidas e medos e dando un paso máis na súa carreira, con cancións máis inspiradas e directas. O disco, gravado por Pancho Suárez de Lis nos estudos Planta Sónica de Vigo e masterizado por Alan Douches en West West Music (Nueva York), contou co mesmo equipo que produciu Surprise, o álbum co que debutaron fai dous anos
Con este disco, cuxa xira terá un fito moi importante o próximo 23 de novembro cun concerto na madrileña Sala Sol, Maryland logrou atopar un punto ideal entre o directo e o disco: que sexa o disco o que capte a enerxía dos directos e non os directos os que intenten reproducir o disco.
As entradas para asistir ao concerto de Maryland teñen un prezo de cinco euros e pódense adquirir nos puntos de venda habituais, Rei Zentolo Pontevedra e Pequeno Karma.