Vortex busca mecenas a través de crowfunding para poder gravar "Confessions", o seu primeiro disco
Por Alejandro Espiño
Teñen apenas 20 anos e malia a súa mocidade, Vortex é unha das bandas máis coñecidas da escena musical emerxente de Pontevedra. Desde que empezaron a tocar xuntos no verán de 2010 lograron numerosos premios e recoñecementos, o que lles levou a formar parte do cartel do último festival SonRías Baixas. Agora buscan dar un paso máis na súa carreira e editar o seu primeiro disco. Para iso decidiron recorrer, como moitas outras bandas, ao crowfunding.
"A decisión de sacar o disco está tomada desde hai un ano aproximadamente", explica Marcos Rodríguez, guitarrista do grupo, a PontevedraViva. "Logo da pasada edición do Fest na que fomos finalistas, crimos que era o momento de dar un pasiño máis e empezar a traballar niso". Así é como empezou a gestarse Confessions, o título que terá o primeiro álbum desta banda, que se autodefine como un grupo de metalcore melódico.
Trátase dun disco que constará de dez temas propios "máis algún que desbotamos no proceso de pre-produción". Puxéronse de prazo poder editalo o próximo verán, para o que "fomos compoñendo as cancións con calma e coidando todos os detalles, incluso pedindo consello aos nosos amigos do grupo Malkeda". O que teñen claro é que será un traballo cun son potente, directo e con melodías de voz, tanto melódicas como guturais.
Tanto Marcos como os seus actuais compañeiros a banda sufriu algúns cambios desde a súa fundación intentan con este disco "seguir coas nosas influencias de metal clásico pero renovando e incorporando elementos do metalcore, hardcore ou post-hardcore". Jacobo Sainz (guitarra e voz), Víctor García (baixo e coros) e Jonathan Portela (batería) coinciden. "Á xente vaille a sorprender e moito o cambio que demos".
Tras gravar o disco en Pontevedra, Vortex pretende comezar unha pequena xira por Galicia, pero aseguran que "os nosos intereses quizais sexan máis a longo prazo que a curto, e intentar con este álbum debut darnos a coñecer e crear expectativas para posteriores anos". Marcos Rodríguez afirma que "os nosos obxectivos son tocar nas grandes salas galegas antes de saír fóra, aínda que se se nos plantexa a oportunidade iriámonos a donde fora oportuno".
Márcanse como obxectivo poder actuar nas Festas da Peregrína, polo menos dentro do certame 15 Bolos, e poder formar parte do cartel de festivais do seu estilo como o Resurrection Fest de Viveiro. Pero recoñecen que "a situación non é fácil, nin moito menos". Lamentan como a música "é cada día golpeada e humillada ata o punto de que buscar forma de sobrevivir nisto sexa un martirio".
A crise supón, xa de seu, "un duro golpe para todos", pero os membros de Vortex aseguran que o panorama é aínda máis desolador si cabe "cos ataques do goberno e coas condicións que se lle poñen ás salas, como o ocorrido recentemente na Cabana". Por iso, Marcos recorda que en Pontevedra "acabamos de formar unha Asociación de Músicos co fin de poñer solución a todo isto".
Se queres colaborar con Vortex para que poidan editar o seu disco, as achegas pódense realizar a través da páxina do seu proxecto na plataforma Verkami. Necesitan 2.000 euros. Os que se convertan en mecenas do grupo poderán gozar dunha serie de recompensas: desde a descarga anticipada do disco, entradas para algunha das súas actuacións ou ata un concerto exclusivo no teu domicilio.
Relacionadas:
-
A banda pontevedresa Vortex pon en marcha orixinais iniciativas para promover o seu novo disco
Por Redacción |
-
Vortex 'confésase' co seu primeiro disco, coa vista posta no seu concerto xunto Soziedad Alkoholika
Por Alejandro Espiño |
-
O Fest 2014 xa está aquí: ábrese o prazo para que grupos e artistas presenten as súas candidaturas
Por Alejandro Espiño |
-
Preséntanse os '15 Bolos': ¡Qué Desilusión! teloneará a Mago de Oz
Por Alejandro Espiño |
-
Vortex e as boirenses Agoraphobia tocarán no SonRías Baixas tras gañar o concurso convocado polo festival
Por Alejandro Espiño |