Sés presenta no auditorio de Vilagarcía o seu segundo disco, 'Co xenio destrozado'
Por Redacción
María Xosé Silvar, Sés, a rockeira coruñesa que pega forte no panorama musical nos últimos tempos, actúa este venres en Vilagarcía para presentar o seu disco Co xenio destrozado, un compendio de temas compostos por ela mesma e en cuxa interpretación pon toda a súa orixinalidade, frescura e potencia.
O concerto celébrase o venres 14 de marzo no Auditorio a partir das 21.00 horas. As entradas custan 3 e 4 euros e pódense adquirir de xeito anticipado a través da web www.servinova.com ou do teléfono 902504500. O mesmo día da actuación poderanse comprar na billeteira do auditorio a partir das 19.00 horas.
Co xenio destrozado é o seu segundo disco, no que amosa a súa espectacular voz e o seu persoal estilo musical que ela define como americano norteño (rock, blues country) e sureño (con ritmos caribeños e latinaomericanos). Gravouse nos estudios Bruar, de A Coruña, e producírono a propia Sés e Xavier Ferreiro. Para este traballo, conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sánz (baixo).
Cantareira de base popular e tradicional, criada musicalmente a base da colección de vinilos de rock americano da década dos 50 e dos 60 que herdou do seu pai, e dos casetes de rancheiras, boleros e zarzuela que escoitaban os seus avós, Sés é un fenómeno musical da terra.
Todo comezou en 2007. Xunto con tres amigos creou Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano. Presentáronse ao concurso 'A Coruña Son' cun tema que compuxeron de xeito espontáneo nun dos seus encontros para musicais, coa inesperada sorpresa de ser elixido polo propio Santiago Auserón como grupo revelación daquel ano. A partir de aí e despois de que os seus compañeiros se decantasen por outras actividades, Sés comezou o seu proxecto persoal.