A Cova dos Libros Fantásticos retoma a súa actividade
Por Redacción
Tras o seu habitual parón estival, a Cova dos Libros Fantásticos volve abrir as súas portas.
Farao este próximo xoves 3 de outubro, nunha primeira xornada que contará coa visita de Orbil, a popular mascota do Salón do Libro de Pontevedra.
Ata o próximo 21 de decembro o espazo de literatura infantil e xuvenil permanecerá aberto no Pazo da Cultura os luns e xoves de 17.00 a 20.00 horas e os sábados de 11.00 a 13.00 horas.
Na Cova dos Libros Fantásticos estarán ao dispor dos pequenos e mozos da cidade un catálogo de máis de 4.000 libros que compoñen o fondo do Salón do Libro. Todo iso de maneira gratuíta, aínda que para poder levalos a casa en modo de préstamo deberá formalizarse un carné de socio.
Entre a programación coa que contará ata final de ano destacan os seus organizadores o día das escritoras que se celebrará o 14 de outubro, o día das bibliotecas do 24 de outubro e unha festa de Samaín o xoves 31.
Iso si, a Cova dos Libros Fantásticos permanecerá pechada os festivos do 12 de outubro e 7 de decembro así como durante a celebración doutros eventos no Pazo da Cultura como a feira Etiqueta Negra ou o Culturgal.