Mulleres no Foco abre o prazo para presentar candidaturas de profesionais galegas do audiovisual aos premios
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra anunciou este luns 30 de setembro a nova edición dos premios Mulleres no Foco, unha iniciativa que busca recoñecer o talento e a traxectoria das profesionais galegas no sector audiovisual.
A presentación contou coa presenza de Sandra Bastos, deputada de Igualdade, e as representantes de CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais) en Galicia, Nati Juncal e Elena García Román.
Durante o acto, Sandra Bastos destacou a importancia destes premios para "construír referentes" e superar a baixa representatividade feminina no sector audiovisual, onde as mulleres ocupan menos do 40% dos cargos de responsabilidade e só dirixen o 37% das longametraxes, segundo datos do último informe de CIMA.
"Queremos rachar con estas cifras e animar as novas xeracións de nenas e mozas a seguir unha carreira no audiovisual", afirmou a deputada.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 21 de outubro e está dirixido a entidades locais, culturais ou profesionais galegas relacionadas co audiovisual.
Este ano, outorgaranse tres premios, cunha dotación económica total de 15.000 euros, que se repartirán en tres galardóns de 5.000 euros cada un.
As galardoadas desta edición sumaranse a unha prestixiosa lista de profesionais recoñecidas en anos anteriores, como Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez en 2023, ou Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira en 2022.
A gala de entrega dos premios celebrarase antes de que remate o ano, nun acto que tamén busca poñer en valor o traballo de todas as mulleres do audiovisual.
"A igualdade plena entre mulleres e homes non é un reto, é unha obriga que debemos asumir como sociedade", subliñou Sandra Bastos, destacando o obxectivo do certame de visibilizar o esforzo e a dedicación das profesionais galegas neste ámbito.